Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 13/10/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Saúde denuncia os desproporcionados salarios dos xerentes do CHUS

Aseguran que, pola contra, se precarizan as condicións laborais dos taballadores/as da Área Sanitaria
CIG-Saúde vén de denunciar os desproporcionados salarios dos directivos do CHUS, dados a coñecer o pasado venres pola xerente do SERGAS, Rocío Montero. Salarios que se corresponden cos seus anteriores cargos, sen que se dera a coñecer os que terán agora que asumen novas responsabilidades. Fronte a estas cantidades, CIG-Saúde pon de manifesto que, entre mentres, as/os traballadoras/es da empresa da limpeza do hospital mobilízanse para denunciar os recortes que se aplicarán á contrata. Recortes que, advirten, van afectar á calidade da limpeza hospitalaria.

Segundo a CIG-Saúde, na presentación da xerencia de xestión integrada de Santiago, Rocío Mosquera, xerente do Sergas, informaba de que a actual xerente do CHUS, Rosa Bermejo, cun salario de 121.367, 22 euros ao ano, pasa a ser Xerente de Xestión Integrada; José Javier Ventosa Rial, até o de agora xerente de Atención Primaria, cargo remunerado con 79.026,23 euros/ano, pasa a ser director de Proceso Asistenciais de Primaria e Luís González Taboada, xerente do Hospital do Barbanza, cunhas retribucións anuais de 77. 572,01 euros, será agora Xerente executivo do Barbanza.

CIG-Saúde denuncia a falta de transparencia da administración respecto das novas retribucións que terán estes postos de confianza que a xerente do SERGAS “esqueceu” especificar. Engade que “até os máis ignorantes saben que mentras o abismo do paro, a precariedade e as pensións de miseria traga a millóns de persoas, a patronal das grandes empresas e, sobre todo, a banca séguese forrando grazas a este goberno”.

Lembra que mentres eses salarios suman, entre os tres, 277.965,46 euros anuais, aos traballadores e traballadoras do CHUS se lles recortaron os salarios nun 5%, alén de paralizar o decreto de acordos retributivos, empeoraron as súas condicións laborais con máis carga de traballo, menos contratos e contratos precarios, coberturas con alunmos/residentes e persoal en practicas e unha taxa de reposición de oferta de emprego público limitada ao 10%.

Mobilizacións do persoal de limpeza

Fronte a estas desproporcionadas retribucións, lembran que continúan as mobilizacións do persoal da empresa de limpeza do hospital, que percorre con pancartas os corredores da balconada do 1º andar, onde se atopan os despachos da dirección do CHUS para denunciar o recorte de 285.000 euros que se pretende facer na nova contrata. Recorte que, aseguran, vai afectar á calidade da limpeza hospitalaria e ás condicións laborais das/os traballadoras/es repercutindo directamente nos usuarios do hospital.

cig.prensa@galizacig.com