Con información e transparencia. Así é como responde A Mesa á campaña de “criminalización e mesmo de linchamento”, en palabras do seu propio presidente, Carlos Callón, que se está dirixindo contra a asociación desde sectores galegófobos coa fin de sacar rendibilidade política coa mentira e a difamación.
No reparto dos folletos vaise facer un especial fincapé no comercio da cidade para “aclarar e desterrar enganos que se verteron contra A Mesa”, en palabras de Fran Rei, responsábel da asociación na zona da Coruña. “Lendo nos xornais as declaracións de Carlos Negreira, parece que aquí se estabeleceu unha especie de policía lingüística, que vamos aos comercios individualmente a ameazalos por non usar o galego, e mesmo se nos chegou a relacionar con roturas de escaparates”, manifestou Rei, quen asegurou que “eu tamén me preocuparía se non coñecese a realidade, pero as cousas non son así, os que falan non teñen nin idea de cal é o traballo da Mesa”.
Carlos Negreira, presidente do PP coruñés e deputado no Parlamento de Galiza, chegou a afirmar que desde A Mesa se enviaran seiscentas cartas “ameazadoras” nas que se informaba aos comerciantes coruñeses da apertura de expedientes por non rotular en galego facéndose pasar a asociación por unha institución pública.
Cartas de queixa
O certo é que se enviaron un total de 19 cartas de queixa a comerciantes da Coruña, todas elas por “casos graves de vulneración dos dereitos lingüísticos”, tal e como asegurou en conferencia de imprensa Carlos Callón, quen recordou o caso da imprenta Porvén, que cobraba un sobreprezo por imprimir convites de voda e de comuñón en galego, ou o do centro comercial no que recriminaron a unha vendedora coa xa coñecida frase de “Burra, no hables lenguas menores”.
Nas cartas que envía A Mesa esta identifícase inequivocamente, incluíndo o logo, o enderezo postal e a páxina web da asociación, e explícase nun parágrafo introdutorio a traxectoria en defensa da lingua da entidade, que cos seus case 3.500 socios e socias é a máis importante asociación cultural de Galiza.
Tanto Carlos Callón como Fran Rei aseguraron que A Mesa vai continuar defendendo os dereitos dos galegofalantes, tanto a través da Liña do Galego como das outras campañas e servizos que ten en marcha. No eido do comercio, recordaron que a entidade foi pioneira en editar carteis de Rebaixas en galego ou etiquetas de agasallos na nosa lingua cando aínda non existían este tipo de materiais, algo que demandaban os propios comerciantes.
Convenio con Presidencia
O presidente da Mesa asegurou que se vai continuar coa tramitación de queixas, algo que “non só non é ilegal senón que estamos obrigados a facer por un convenio asinado co goberno galego sendo Méndez Romeu conselleiro de Presidencia”.
Callón recordou a “dilatada traxectoria en contra do galego” do conselleiro, mesmo sendo concelleiro na Coruña, e acusouno de filtrar aos medios de comunicación unha carta dirixida á Mesa na que se criticaba a actuación da mesma antes de enviala á propia asociación. “Esta carta foi enviada sen acuse de recibo e sen rexistro de saída”, explicou Callón, “polo que non ten ningún tipo de validez legal”.
En canto ás subvencións que recibe A Mesa o seu presidente salientou que “somos a máis importante asociación cultural do país” e que “presentamos numerosos proxectos de colaboración a empresas e institucións”. Callón preguntoulle a Carlos Negreira se quere “que se volva ás listaxes negras existentes durante os gobernos do Partido Popular” nas que había convocatorias “nas que a única excluída era A Mesa”. O presidente da asociación en defensa da lingua recordou que “hai sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galizs que obrigaban ao goberno galego a concederlle axudas á Mesa”.
Destitución do Valedor
O presidente da Mesa reiterou a posición da asociación en canto á actuación de Benigno López, Valedor do Pobo. “Os tres grupos parlamentares cometeron un erro á hora de nomealo, e deberían corrixilo destituíndoo, dentro das limitadas posibilidades que ofrece a lei”.
“O Valedor do Pobo é unha figura que debería ser imparcial, e Benigno López é totalmente parcial no tema da lingua, xa o era na súa etapa como xuíz” manifestou Carlos Callón. Para o presidente da Mesa “é inaudito que tramite e inclúa no seu informe queixas de persoas que piden que se incumpra a lei”, como as de aqueles que non queren que se aplique o decreto 124/2007.