Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 13/12/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O TSXG confirma a setenza do contencioso de Ourense pola que se anularon dúas contratacións realizadas polo alcalde da Gudiña

Obriga ao concello a convocar ás centrais sindicais e negociar con elas, nese ámbito, a oferta de emprego público
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de confirmar a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Ourense pola que, acollendo as teses da avogada da CIG de Verín, anulou unha praza de Conserxe no Colexio Laureano Prieto da Gudiña e unha praza de Vixiante Municipal de Obras e Servizos, adxudicadas ambas polo alcalde do concello en febreiro de 2008, segundo afirman desde a CIG de Verín, “violando o dereito á liberdade sindical e, por extensión, limitando os dereitos de todos/as os traballadores/as a optar en pé de igualdade cos adxudicatarios”.

Segundo explica Manoel Anxo García Torres, secretario confederal de Formación para o Emprego da CIG, a sentenza declara a obriga da institución municipal de reunir á Mesa Xeral de Negociación, de convocar ás centrais sindicais e de negociar con elas, nese ámbito, a oferta de emprego público para o ano 2008, alén de condenar ao concello a pagar os custos do proceso.

“Infelizmente temos que ollar como deben ser, outra vez, os tribunais os que corrixan as decisións arbitrarias e inxustas de certos alcaldes da provincia de Ourense, que pensan que a democracia consiste en facer o mesmo que se facía no século XIX”, afirma García Torres, quen lembra que na Unión Local da CIG de Verín teñen perdido a conta da cantidade de procesos xudiciais emprendidos durante is anos 2009 e 2010 “contra as decisións de Alcaldes e políticos, sobre todo do PP, que ao cabo foron anuladas polos tribunais por seren inxustas e ilegais”.

Entre outras, o secretario confederal de Formación sinala o despedimento do delegado de persoal da CIG do concello de Verín, que foi readmitido por imposición xudicial; a anulación da adxudicación da praza de auxiliar de Biblioteca, tamén polo concello de Verín; o intento, frustrado polo Consello Consultivo de Galiza, do actual alcalde de Verín de anular as Bases de Contratación Municipais, negociadas e aprobadas coas centrais sindicais polo anterior goberno PSOE-BNG; as diversas sentenzas de condena contra o concello de Rairiz da Veiga pola súa actuación contra un afiliado da CIG; os despedimentos, por dúas veces, de dous afiliados da CIG no concello dos Brancos e a súa readmisión por imposición xudicial en ambos os dous caso; o despedimento e posterior readmisión por imposición xudicial de 3 afiliados da CIG no concello de Calvos de Randín ou o despedimento e readmisión, tamén por imposición xudicial de 6 traballadores/as do concello de Xinzo da Limia.

A CIG de Verín ofrece ademais a todos os participantes no proceso anulado os seus servizos xurídicos, de xeito gratuíto, por se desexan emprender accións xudiciais contra a institución local e o alcalde, en reclamación dos danos e prexuízos sufridos, derivados de permanecer máis dun ano privados do dereito a ter un posto de traballo público.

cig.prensa@galizacig.com