María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, deu comezo a este V Congreso cunhas palabras de saúdo ás e aos congresistas participantes neste encontrou e fixo un chamamento a "construír desde a discrepancia o noso argumentario sindical fronte á destrución das políticas sanitarias do goberno do PP".
Lembrou tamén a importancia de continuar a loitar pola defensa do traballo e mellorar as condicións laborais, mais que é unha loita que neste momento vai parella á loita para tentar parar a destrución masiva do sistema público da sanidade e do estado de Benestar.
Asi, analizou o período de "transición" que viviu a Executiva saínte e no que "tentamos facer o mellor posíbel o noso labor".
Votación regulamento
Seguidamente votouse o regulamento que rexerá este V Congreso, e que foi aprobado por unanimidade, así como a proposta da Mesa Presidencial deste V Congreso, que pasou a asumir o seu importante papel neste encontro
Debate relatorios
O debate das emendas e a introdución aos relatorios foron o seguinte punto a tratar.
CIG-Saúde aposta por construír unha organización sindical forte, para enfrontar as agresións que o conxunto da sanidade está a sufrir "pola implantación das políticas neoliberais e a receptividade e o fomento dos gobernos a dar entrada ao capital privado no sistema sanitario, convertendo este nun negocio que de futuro só dará beneficios ao mundo empresarial en detrimento da calidade asistencias, da carteleira de servizos que se ofertan á poboación e dos dereitos dos/as traballadores/as".
CIG-Saúde definiu as súas posicións a respecto da situación da sanidade pública e privada, da mesa sectorial, a negociación colectiva e sobre as novas fórmulas de xestión integrada de áreas.
Para a CIG-Saúde explicaba na introdución aos textos que, este V Congreso, debe ser, ante todo, unha reafirmación do compromiso na loita sindical, "no debemos conformarnos con parar as agresións que recibimos, debemos ter un posicionamento máis ambicioso xa que a transformación social é posíbel".
Nese sentido, apostan por construír unha organización sindical forte, para enfrontar as agresións que o conxunto da sanidade está a sufrir "pola implantación das políticas neoliberais e a receptividade e o fomento dos gobernos a dar entrada ao capital privado no sistema sanitario, convertendo este nun negocio que de futuro só dará beneficios ao mundo empresarial en detrimento da calidade asistencial, da carteleira de servizos que se ofertan á poboación e dos dereitos dos/as traballadores/as".
A federación parte de que con estas políticas sanitarias foméntanse cada día máis as desigualdades sociais, rachando cos principios básicos que contén a Lei Xeral de Sanidade "universalidade, gratuidade e equidade no aceso ao sistema sanitario".
Desde a CIG-Saúde tamén se observa con preocupación que, desde algúns sectores da sociedade, se pretenda responsabilizar dos males do sistema á descentralización. Por iso manifestan, como punto de partida, o seu rexeitamento a "calquera opción que tenda a burocratizar e acartonar a negociación colectiva e o ámbito das relacións laborais a través de pactos estatais".
Relatorio de acción sindical e política sanitaria
Numerosas emendas foron aceitadas ou transaccionadas, con importantes engádegas, e tamén houbo emendas non aceitadas dentro dun intenso debate.
Analizouse o traballo sindical realizado pola Federación da Saúde da central sindical nacionalista nos últimos anos, na mesa sectorial coa Consellaría de Sanidade, e a estratexia contra o corporativismo, entre outras cuestións.
Expúxose tamén a situación do colectivo de traballadores/as do Servizo Galego de Saúde non estatutarios, funcionarios laborais, e o acontecido nos últimos catro anos ao redor da carreira profesional.
Saúde laboral
A vixilancia da saúde e a saúde laboral para as traballadoras e traballadores da sanidade , e as reivindicacións da central sindical nacionalista neste apartado, tamén se presentaron nestes relatorios, no que se fixo fincapé na necesidade da prevención e continuar co papel de denuncia.
As fundacións, centros creados baixo a fórmula de dereito privado seguen sen desaparecer, polo que a CIG-Saúde tamén examina o traballo a desenvolver nestes centros, nos que a CIG segue a ser a primeira forza sindical, nas Fundacións e empresas públicas.
O acceso do persoal ao Sistema pública de Saúde tamén se tratou, estudando as listas de contratación, a elaboración das mesmas, a xestión das listas, a oportunidade dun emprego fixo na Administración a través da OPE, e o concurso de traslados e mobilidade.
Sanidade privada
A CIG é tamén a primeira forza sindical en Galiza neste ámbito tan heteroxéneo, polo que se abordaron a importancia da negociación colectiva e os retos do futuro, tamén desde a acción sindical.
Eleccións sindicais
De cara as vindeiras eleccións sindicais, reclamarán da administración a negociación do establecemento de novas unidades electorais en razón ao número de peculiaridades dos seus colectivos, axeitando a configuración das mesmas estruturas administrativas e aos ámbitos de negociación constituídos ou que se constitúan.
Retos básicos da Política Sanitaria
A desregulación do sistema sanitario e a introdución do mercado coa separación do financiamento, compra e provisión de servizos son o eixo das políticas dominantes das últimas décadas. O obxectivo destas sempre foi reducir custos e aumentar a eficiencia do sistema, así como abrir ao mercado privado a importante porcentaxe de orzamento público que se dedica a financiar a sanidade.
No contexto internacional de liberalización é onde chega, de novo, o Partido Popular á Xunta, e comeza, rápido e sen prexuízos, a tomar decisións encamiñadas a cumprir o plan trazado a nivel mundial, e a aplicalo a nivel local. Deste xeito cambia os modelos de financiamento do plan de infraestruturas sanitarias para financialo mediante a chamada colaboración público privado, nomeadamente mediante as iniciativas de financiamento privado que permitan as regulacións das concesións públicas aprobadas no Parlamento español cos gobernos do Partido Popular.
Esta ameaza real de privatización afecta a todo o conxunto da sanidade pública, aínda que inicialmente se poña de manifesto alí onde lles resulte máis doado de aplicar, como é na construción e dotación dos novos hospitais e centros de saúde. Facer fronte a esta ameaza "é un dos retos máis importantes que teremos que vencer nos próximos anos".
O Galego na Sanidade
CIG-Saúde ten que enfrontarse cun importante reto nos vindeiros anos: conseguir normalizar o uso do galego na sanidade, tanto na fala como na escrito. Engaden que "temos o convencemento de que o Galego non é unha limitación, é un dereito, e as usuarias e os usuarios e os profesionais temos o dereito a usalo no sistema sanitario publica, e a administración ten a obriga de garantilo".
Áreas sanitarias (Lei de Saúde 8/2008) " A Xerencia de Área"
A Federación de Saúde da CIG defenden as áreas de xestión integrada cunha xerencia única, asociadas no seu ámbito territorial ao hospital de referencia de poboación adscrita, aínda que a carteira de servizos ofertada á poboación varíe e poidan estar interrelacionadas entre si, posibilitando unha maior transparencia e maior control pola cidadanía. A creación da cestión integrada coa xerencia única implicará necesariamente a desaparición da estrutura e organigrama do Sergas das Direccións provinciais e as competencias destas últimas serán asumidas integramente nos órganos de xestión da área.
Os seguintes temas que se abordan nestes relatorios é tanto a situación e retos da atención hospitalaria como da atención primaria.
Afiliación e eleccións sindicais
Nestes últimos anos a organización sindical nacionalista evolucionou dunha maneira importante no referente a resultados electorais. No plan electoral xeral constatamos cos números que estamos a falar da primeira forza no sector cun 30,5% da representación global.
A renovación interna na Federación e a organización da resposta aos conflito profesionais foron as últimas cuestións analizadas neste apartado.
Por último, cuestións de carácter organizativo como o traballo de afiliación, as relacións confederais, a formación como instrumento de cambio e transformación, as finanzas, e a comunicación e política informativa, tratáronse no remate destes relatorios.
Votación
Os relatorios de acción sindical e política sanitaria quedaron aprobados con 74 votos a favor, 10 en contra e 7 abstencións.