Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 13/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Plataforma iniciará unha recollida de sinaturas para esixir ao estado que inclúa a Ría do Burgo nos Orzamentos Xerais

O colectivo denuncia o deixamento de funcións do Goberno galego e pon en dúbida os recentes anuncios da Consellaría de Medio Ambiente
A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo anunciou este venres en rolda de prensa que a partir da vindeira semana iniciará unha recollida de sinaturas, a modo de alegacións, co obxectivo de esixir do Goberno español a dotación orzamentaria precisa para acometer o saneamento e rexeneración integral da ría. A campaña, que se vai desenvolver coincidindo co período de alegacións aos Orzamentos Xerais do Estado, trasladarase a diferentes puntos da comarca para recoller o meirande apoio posíbel e concluíra coa convocatoria de diversas accións de protesta.

De esquerda á dereita: Paulo Carril, Ramón Sixto e Manuel Cao.

A iniciativa chega logo de coñecerse que os Orzamentos Xerais do Estado non consignan nin unha soa partida económica para as tarefas de recuperación da ría, e mesmo as previsións adiantan que tampouco haberá investimento para os exercicios 2013, 2014 e 2015. Neste senso, os voceiros da Plataforma cualificaron de “grave irresponsabilidade” esta decisión, “que confirma as falsidades e mentiras dos Concellos e da Xunta que ano tras ano anuncian que o seguinte será o da rexeneración da ría”. “O PP xa anunciou polo menos tres plans diferentes dende a súa chegada ao Goberno galego, pero até o momento non se efectivizou nin unha soa actuación”, denunciou Paulo Carril, Secretario Comarcal da CIG da Coruña.

Abundando nesta cuestión, o Patrón Maior da Confraría de Pescadores da Coruña, Manuel Cao, lamentou a falta de avances na xuntanza mantida esta semana entre os representantes do sector, a Conselleira do Mar, o Conselleiro de Medio Ambiente e os directores xerais de Costas e Augas. Cao cualificou a reunión de “engano” e acusou ao Goberno galego e español de pretender utilizar este encontro cunha finalidade meramente propagandística. Por iso, considerou que o anuncio feito por Agustín Hernández dunha futura sinatura do convenio para a retirada dos lodos e a redacción do proxecto técnico significan “un atraso máis no tempo sobre a situación que hai que abordar para eliminar a problemática medioambiental da ría do Burgo”.

Pola súa banda, o Presidente da Asociación de Veciños/as O Noso Burgo, Ramón Sixto, tamén amosou as súas dúbidas a respecto do veracidade deste protocolo de actuación, que foi organizado de xeito unilateral pola Xunta, sen a participación dos concellos afectados e sen a seguridade de que o Goberno español achegará as contías precisas para o dragado da ría.

Fixar prazos no BOE e o DOG

Fronte a este deixamento, a Plataforma volveu reclamar unha posta en común entre as administracións co obxecto de acordar un calendario de actuacións, fixar prazos reais –a través do BOE e o DOG- para o inicio do Plano de Rexeneración da Ría, así como o seu dragado, tratamento, limpeza de lodos e todas as accións para o seu saneamento integral. Ao mesmo tempo, esixiron do Goberno galego e dos concellos da comarca da Coruña que se dirixan conxuntamente ao Estado para que corrixa as deficiencias dos Orzamentos Xerais e urxan a levar a cabo todas as actuacións precisas para a rexeneración e recuperación integral da Ría do Burgo. 

“Isto significa, subliñaron, que se teñen que presentar emendas e ten que haber orzamentos”. Polo que a Plataforma entende como unha obriga do Goberno galego conseguir a dotación orzamentaria que require a Ría do Burgo “ou o Conselleiro de Medio Ambiente e mesmo o Presidente da Xunta deberían dimitir”. Máis tendo en conta a inaplicación do Plan de Saneamento Local anunciado ao inicio da lexislatura ou que nin sequera se teñen controlado os focos de contaminación. De feito, lembrou Paulo Carril, os datos da propia Xunta estabelecen nun 25% o grao de contaminación das augas en tempo seco.

Con especial acritude os voceiros da Plataforma criticaron o “boicot” do eurodeputado do PP, Carlos Iturgaiz, de cara a impedir que a delegación da UE comprobe in situ a gravidade da situación medioambiental da Ría do Burgo. Neste senso, Manuel Cao, informou que o colectivo ten previsto facer unha nova visita á Bruxelas, á que periodicamente remiten documentación sobre o estado da ría.

Carreira popular

Ramón Sixto adiantou tamén que a Plataforma está organizando, dentro desta nova campaña de mobilizacións, unha carreira popular para reivindicar a área da Ría do Burgo como un espazo ambiental, económico e de lecer.

cig.prensa@galizacig.com