Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 13/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Administración denuncia que os grupos de vixilancia ambiental supoñen un retroceso na extinción de lumes

Defenden a profesionalización do servizo e que os reforzos das campañas, en épocas de alto risco, se realicen por medio das listas de contratación
CIG-Administración asegura que a recentemente anunciada creación de grupos de vixilancia ambiental por parte do goberno do Partido Popular supón “unha volta atrás na profesionalización e tecnificación do dispositivo da loita contra os incendios forestais”. Xunto a isto, denuncia que ademais dunha importante redución orzamentaria dedicada á prevención dos incendios forestais a estratexia de Feijóo é a de volver á “contratación clientelar de persoas a través dos concellos coa desculpa de crearen brigadas que traballen na vixilancia e loita contra o lume”.

Esta situación, explican, anula todo o proceso de profesionalización e unificación de medios na extinción de incendios forestais e recupera o modelo fracasado da “era Fraga” de reforzos de verán a través de brigadas municipais.

Esta nova aparece logo das fortes críticas que tivo o goberno galego pola súa nefasta xestión nos incendios forestais do mes de marzo, pola falta de medios, polo abandono premeditado e consciente da prevención, polo desmantelamento do Servizo e pola nula organización dos medios dos que dispón.  “É esta unha medida que impide a modernización do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) e introduce moitas dúbidas sobre as pretensións futuras do goberno galego” sinalan.

Entenden que o que pretenden non é realizar prevención, “algo que este goberno decidiu eliminar”, matizan, senón utilizar o fondo de compensación ambiental, que se nutre do canon eólico, para realizar contratacións fóra dos sistemas regrados de que dispón a Administración Autonómica.

Por iso manifestan a súa oposición a esta decisión, xa que en lugar de crear novas estruturas “débense corrixir as deficiencias existentes no actual Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais: cobertura de baixas, dotación de medios adecuados, vehículos acondicionados para o traballo e reforzos nos servizos nos que a actividade incendiaria é máis acusada ou extraordinaria e, sobre todo, recuperar as labores de prevención abandonadas”.

Fronte a isto, defenden a profesionalización do servizo creado no ano 1990 e demandan que os reforzos das campañas en épocas de alto risco se realicen por medio das listas de contratación das que a Xunta dispón para a cobertura temporal de postos.

cig.prensa@galizacig.com