CIG-Saúde lembra que o Consello Galego de Saúde foi creado a partir da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria, como principal órgano colexiado de participación comunitaria no sistema sanitario de Galiza e que é a este a quen lle corresponde o asesoramento á Consellaría de Sanidade na formulación da política sanitaria e no control da súa execución, segundo determina o artigo 120 desa Lei.
A CIG-Saúde demanda a súa urxente convocatoria ante os novos recortes anunciados na sanidade pública, aos que se lles dará visto e prace, previsibelmente neste mes de abril –segundo anunciou Mariano Rajoy-, e ante a presentación de propostas de debate no Consello Interterritorial de Saúde (CSINS), que se vai celebrar o vindeiro 18 de abril –segundo anunciou a Ministra de Sanidade-.
Medidas que contemplan a posibilidade de implantar o copago-repago, definir a carteira de servizos básicos, aplicar recortes no transporte sanitario, suprimir intervencións de cambio de sexo e de técnicas de reprodución asistida, pago por días de hospitalización, pago pola comida dos e das doentes hospitalizados/as e outras medidas.
A federación demanda información das medidas concretas que vai adoptar a consellaría de Sanidade e alerta do alcance destes recortes, que segundo declaracións do Ministro de Economía, alcanzan os sete mil millóns de euros.
Do mesmo xeito, urxe á convocatoria do Consello Asesor de Doentes, para que se dea cumprida información ás asociacións que conforman este organismo, para que poidan coñecer as repercusións que estas medidas terán sobre todos os doentes crónicos.
Competencias plenas
CIG-Saúde denuncia ademais que o recorte que se prevé aplicar en materia de Sanidade é consecuencia da “perda de poder político, da submisión absoluta á avaricia desmesurada dos mercados e da intención de liquidar os servizos públicos para dar entrada ao sector privado”.
Lembra que Galiza ten competencias plenas sobre o noso servizo de saúde. Por iso demanda información do posicionamento que o goberno galego, representado pola Conselleira de Sanidade, vai defender no Consello Interterritorial e que, con posterioridade a este, se convoque á Mesa Sectorial de Sanidade “para que se nos transmita a información” do alí acontecido.