marco
Vigo, 13/5/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Diante do estaleiro de Freire.
Traballadores do naval concentrados fronte a Armon.
Concentración ás portas de Barreras.
Perto da unha da tarde os traballadores de Vulcano volvían ao estaleiro.

Paro xeralizado de dez da mañá a dúas da tarde nos estaleiros de Vigo contra a contratación irregular no naval

Denuncian fraude no convenio e práticas racistas pola explotación de traballadores estranxeiros
O mércores 13 de maio tiñan lugar asembleas nos estaleiros da ría de Vigo na que o tema principal a debate era o problema das irregularidades na contratación que se está a dar no naval, e que afecta principalmente ao colectivo de traballadores inmigrantes, que non están a cobrar correctamente nin teñen as condicións laborais que marca o convenio provincial do Metal de Pontevedra. Por iso, decidiuse cortar a actividade de dez a dúas e cortar o tránsito na avenida de Beiramar, asi como os traballadores de Vulcano decidiron mobilizarse e acudir até Metalships e Cíes, para trasladarlles aos seus compañeiros estas situacións.

Novo paro no naval, e centrado de novo pola contratación irregular neste subsector do Metal. Desde as dez da mañá e até as dúas da tarde houbo un paro xeralizado en todos os estaleiros (Cardama, Armon, Freire, Barreras, Vulcano, Metalships e Cies) para denunciar a situación de irregularidade nas contratacións, como asi o decidiron as distintas asembleas de traballadores e traballadoras realizadas nestes estaleiros. Houbo cortes de tráfico e unha numerosa participación nestas accións.

As irregularidades na contratación

Como consecuencia da última folga no sector naval no ano 2007 polo control da contratación conseguíuse que máis de 2.000 contratos pasaran a ser indefinidos, e desde a CIG-Metal subliñan que "agardabamos enton unha regulación definitiva da contratación, con menos empresas, máis cumpridores e con máis persoal, asi como unha eficencia da bolsa de contratación que evitara as discriminacións para os contratados temporalmente". Mais pola contra o que aconteceu é que "os empresarios non ficaron quietos, contrataron novas subcontratas das contratas, algunhas de aquí e outras de fora, fundamentalmente de Portugal, e trouxeron traballadores/as de distintos países, sinxelamente para dispor de man de obra máis barata".

Desde a CIG-Metal denuncian que "ao mesmo tempo falsifican as nóminas para aparentar legalidade e presentan contratos indefinidos para os que se obriga a asinar previamente o finiquito", e critican estas práticas con firmeza porque "todo isto se fai para evitar a bolsa de contratación, que é algo moi parecido, e que os sindicatos veñen denunciando, no sector da Construción, onde a Patronal na busca de maiores beneficios sobreexplota a un 70% dos traballadores/as pola súa condición de estranxeiros".

Fraude no convenio

Asi, engaden que "todos sabemos que estas empresas que veñen de fora ou as de aquí que contratan traballadores/as estranxeiros non cumpren o convenio, no seu artigo 1º, que foi unha das melloras que acadamos coa folga no ano 2006. Ninguen ignora que estas empresas pagan 6 euros por hora corrida, outras absorben as pagas extras e tamén as hai que pagan 8 horas por 11 traballadas. A consecuencia resultante é un fraude no convenio e na contratación". 

Práticas racistas da parte empresarial

Asi, a Federación do Metal da CIG salienta que "os únicos que desenvolven unha prática racista explotando aos traballadores estranxeiros son estas empresas e aquelas outras que as subcontratan, e finalmente os estaleiros que permiten este abuso cando teñen o deber e a responsabilidade de non tolerar o incumprimento da Lei nas súas instalacións. Isto non podería acontecer sen a colaboración necesaria de todas estas partes e polo interese en dispor de man de obra barata para alimentar o seu instinto explotador".

Por último, sinalase que "non se pode insinuar que a protesta dos traballadores e traballadoras do naval nos estaleiros de Vigo para controlar a contratación agocha unha prática xenófoba, xa que nunca se ten producido ningún incidente, nin manifestado acto nin desprezo contra as traballadoras e traballadores estranxeiros", e criticaron que "só faltaría que aos empresarios explotadores e aproveitados lles saian valedores desde as nosas propias trincheiras", concluíndo que "até agora todas as denuncias feitas ás distintas mesas, á Inspección de Traballo e ás diferentes institucións só fixeron dilatar o problema e permitir que medrara no lugar de resolver este enorme fraude". 

Máis imaxes da xornada

Na galería gráfica da nosa web, nesta ligazón, podedes atopar máis imaxes deste paro nos estaleiros.