No marco dunha intensa campaña informativa entre os traballadores e traballadoras de Vegalsa-Eroski, delegados e delegadas da CIG desenvolveron esta mañá unha protesta diante da sede da empresa no polígono de Agrela para denunciar publicamente a política de represión continuada que a compañía está a manter coa central sindical. O obxecto desta coerción, explicaba durante o decurso da concentración Roberto Pérez, responsábel de comercio da CIG-Servizos, é evitar que o conxunto do persoal sexa consciente da verdade: que os seus salarios están un 15% por debaixo do seu convenio.
Pérez indicou que a CIG está a desenvolver unha exhaustiva campaña de información aos traballadores e traballadoras de Vegalsa “que molesta máis á empresa que calquera protesta, porque o que pretenden é que o persoal estea desinformado a respecto da realidade dos seus salarios e dos seus dereitos”.
De feito, apunta, a compañía busca “aniquilar os sindicatos, en vez de dialogar”, e neste momento ten sancionada, baixo falsas acusacións, á presidenta do Comité de empresa con 16 días de emprego e soldo. Doutra volta, Vegalsa-Eroski xa tentara sancionar a outra delegada tamén con mentiras, mais “non se atreveron a chegar a xuízo”, aclara Pérez.
Neste senso, subliñaba que a concentración desta mañá concibiuse como unha denuncia pública desta situación e como mostra de apoio á delegada represaliada.