Manel Grandal e Xesús A. López Pintos, voceiros da CIG de Ferrol, rexistraron a convocatoria de folga xeral na comarca para o 28 de xuño.
Os voceiros da CIG de Ferrol subliñan que “existen motivos abondo” para convocar esta xornada de loita e animaron a todos os traballadores e traballadoras a secundar a xornada de folga e ao conxunto da cidadanía á saír a rúa e participar nas mobilizacións organizadas para ese día coa fin de amosar o rexeitamento á grave situación socioeconómica que padece a comarca. Neste senso, lembraron que está previsto realizar marchas a pé dende os polígonos de Narón e Fene e unha gran manifestación polas rúas de Ferrol, que sairá ás 12:30 horas do Inferniño e rematará na Praza de Armas.
De cara a conseguir o máximo apoio, a central nacionalista xa comezou a facer asembleas nos centros de traballo e vai repartir por toda a comarca dípticos explicando as razóns da convocatoria e chamando á mobilización cidadá.
A xornada de folga, que terá lugar entre ás 09:00 e ás 15:00 horas do día 28 de xuño, afectará a todas as actividades desenvolvidas polos/as traballadores/as de empresas privadas e polos empregados/as do sector público dos concellos de Ferrol, Narón, Fene, San Sadurniño, As Somozas, Cedeira, As Pontes, Pontedeume, A Capela, Ares, Mugardos, Cabana, Moeche, Cerdido, Monfero, Miño, Mañon, Vilarmaior, Valdoviño, Neda, Ortigueira e Cariño.
Dende a Unión Comarcal da CIG volveuse facer un chamamento a CCOO e UGT para que se sumen á convocatoria de folga, xa que estamos nun momento “no que hai que mobilizarse para seguir concienciando á poboación de que só a través da confrontación se pode conseguir mudar as políticas e avanzar nun cambio de modelo económico e social”.
Unha comarca en situación de emerxencia
No escrito da convocatoria, a central sindical explica que o motivo da folga é “amosar o noso rexeitamento á situación que está a padecer a Comarca de Ferrolterra, con máis de 20.000 desempregados/as, cifra que segue en aumento constante”, rexistrando unha variación interanual a respecto de 2011 que xa acada o 10,22%.
Así mesmo, ponse o punto de atención sobre o feito de que máis do 80% das empresas instaladas na zona están a sufrir proceso de regulación de emprego, concurso de acredores ou directamente peches. A isto hai que engadirlle a grave crise que padece o sector naval (industria fundamental para a comarca) sen carga de traballo, sen concretar a construción do novo dique flotante e coa lousa do veto político á construción naval civil.
En mellores circunstancias non se atopan tampouco os sectores primarios, “en especial no referido á pesca e marisqueo, en esmorecemento continuo” e con graves dificultades para garantir a produción no futuro por mor dos incumprimentos en materia de saneamento e rexeneración da ría de Ferrol.
Así mesmo, a CIG de Ferrol denuncia tamén o illamento no que ten quedado a bisbarra por falta de orzamento por parte do estado para infraestruturas básicas e alerta do incremento alarmante da pobreza, visíbel a diario no desbordamento que padecen entidades sociais como cáritas ou a cociña económica.
Fronte a isto, a central chama á continuar na mobilización e na resposta social e esixe a posta en marcha inmediata de políticas activas de emprego e inversión pública na comarca.