A marcha partiu ás 20.00 horas da central de Correos na cidade, na Praza de Compostela, para percorrer distintas rúas do centro. Durante o traxecto os/as manifestantes corearon consignas como “Máis carteiros e menos xefes”, “Así, así, nin un paso atrás, estes recortes ímolos parar” ou “Contra os recortes temos outro plan, directivos baixada salarial”.
A protesta coincide coa folga de media xornada iniciada o pasado luns para rexeitar a eliminación de 13 postos de traballo na unidade de reparto número 1, correspondente ao centro da cidade, e que xa deixou preto de 300.000 obxectos sen repartir. Esta unidade de reparto dá servizo a 184.000 cidadáns/ás.
Ao remate da marcha os carteiros/as lembraron que os recortes céntranse no centro de Vigo por seren “unha carteiría da cidade máis importante do país e unha das máis reivindicativas”. Neste senso, denuncian que detrás da decisión agóchase o plan de privatizar Correos.
O responsábel da CIG en Correos de Vigo, Antonio García, adiantou que as mobilizacións continuarán nos vindeiros días e que para os días 22, 25 e 29 hai convocadas xa tres xornadas completas de folga.