Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 13/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: FGAMT-CIG : : MAFECCO :

As traballadoras de Mafecco mobilízanse pola rotonda de Sabón en defensa dos seus empregos

Advirten que, ante a actitude prepotente e chantaxista da empresa, continuarán a loita contra o ERE de extinción pola vía xudicial
Un día despois de rematar o período de consultas, as traballadoras de Mafecco continúan coas mobilizacións para rexeitar os 42 despedimentos que pretende acometer a empresa e para denunciar a fraude que supón o ERE de extinción. Este venres o persoal saíu en manifestación dende as instalacións da fábrica até a rotonda de Sabón, arredor da que estiveron dando varias voltas abandeiradas pola consigna “este ERE ímolo parar.

A responsábel de téxtil da CIG, Dores Martínez, explicou que durante a xuntanza do xoves, a empresa mantivo a súa habitual actitude prepotente -que lle permiten as facilidades introducidas pola reforma laboral- e volveu condicionar o pago dos salarios que lle adebeda ás traballadoras e das indemnizacións polos despedimentos a que se asine un acordo que permita as extincións dos contratos.

A dirección, puntualiza Martínez Castelo, chegou a asegurar que xa tiña negociado cunha entidade bancaria unha liña de creto para efectuar os pagos de xeito inmediato, mais que eses pagos non se ían materializar até o Comité asine o acordo para executar o ERE de extinción. “Obviamente, o que se lle dixo por parte da maioría do Comité e a CIG foi que baixo ningún concepto iamos permitir semellante chantaxe e que se a empresa seguía na súa teima de executar os 42 despedimentos, nós seguiremos na nosa teima, a través agora do xulgado do Social, de impugnar o ERE”, asevera.

A CIG e o Comité entenden que hai razóns reais e obxectivas para evitar esta desfeita laboral e que existen outras alternativas para a recuperación da empresa, en termos económicos, máis alá dos despedimentos. Esas outras posibilidades, apunta Dores Martínez, pasan por chegar a algún acordo en base a suspensións temporais de contratos combinados con prexubilacións das traballadoras de maior idade.

Dende a representación social tamén se instou á dirección a dirixirse á Xunta de Galiza, co obxecto de habilitar facilidades para conseguir liñas de crédito que lle permitan a empresa un normal funcionamento da actividade industrial, e ao mesmo tempo, servira tamén para incrementar o volume de negocio. E por esa vía procurar a recuperación económica da empresa.

Porén, en lugar de escoitar estas propostas, a empresa utilizou o período de consultas para cubrir o trámite legal, mais dende o primeiro momento non tivo interese por negociar nos termos que regula o actual Estatuto dos Traballadores/as e cuxo obxectivo é mitigar na medida do posíbel o efecto dun ERE extintivo.

Fronte a isto, o cadro de persoal de Mafecco “continuará coa súa loita para facerlle fronte ao ERE até que consigamos unha sentenza favorábel e polo tanto se consiga a readmisión das 42 traballadoras”.

cig.prensa@galizacig.com