Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 13/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Centos de persoas concéntranse diante dos centros de traballo convocados polas organizacións sindicais da Área Pública

A Área Pública da CIG reitera o seu máis rotundo rexeitamento a estas medidas
A Área Pública da CIG avalía moi positivamente a resposta das empregadas e empregados públicos contra as políticas de redución salarial e do desmantelamento do sector público. Políticas dirixidas a facilitar a súa privatización e entrega a grandes empresas e especuladores. As concentracións tiveron lugar nos edificios administrativos, AEAT, hospitais, centros de saúde, deputacións, concellos, universidades, centros de correos, Demarcación de Estradas, Axencia Tributaria, Entidades da Seguridade Social (INSS, TGSS e ISM) e Delegación e Subdelegación do Goberno. Tamén estaban convocados os funcionarios dos Centros Penitenciarios pero houbo comunicación expresa do Ministerio do Interior para non autorizalas.

As concentracións foron convocadas conxuntamente polas organizacións sindicais do sector público co obxectivo de facelas coincidir co Consello de Ministros e as empregadas e empregados públicos saíron masivamente ás rúas, para amosar así a súa repulsa aos recortes anunciados.

A Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) considera que a situación na que se atopa o persoal que desenvolve a súa actividade no sector público é especialmente preocupante. Denuncian que a supresión da paga extra é un recorte salarial “puro e duro” que vén sumarse aos sucesivos recortes que xa padeceron. Lembran que os salarios do persoal das administracións diminuíron nun 20% desde 2010 e que isto provocará máis empobrecemento nun sector onde hai moitos salarios que non chegan aos 1.000 euros.

Denuncian que o goberno pretende introducir así os plans de pensións nas administracións públicas, xa que a recuperación desa paga, segundo anunciou Rajoy, será en 2015, por esa vía e non en metálico. Unha medida que para o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, “beneficia, unha vez máis á banca e ao capital especulativo, que son quen os xestionan”.

Neste sentido, a secretaria nacional de CIG-Administración, María Carme Santamariña, lembra que "a día de hoxe só existen plans de pensións impostos en algúns casos: na administración xeral do estado e en algúns concellos, deputacións ou organismos, no resto das administracións non existe plan de pensións, co cal a súa recuperación mediante esa vía ou obriga á súa creación ou non é posibel". É unha medida que, para a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, “vai no camiño de privatizar o sistema de pensións dos traballadores/as públicos”.

A isto engádese a que Rajoy denominou ‘equiparación’ das baixas por enfermidade. Unha decisión que supón, segundo Louzao “gravar e penalizar a quen sufra unha doenza porque se lle vai detraer parte do seu salario, recortando aínda máis as retribucións. É tamén recortar os nosos dereitos, como se fora un delito pórse enfermo”.

O anuncio dunha restructuración completa da función pública para a redución do número de traballadores e traballadoras e a eliminación de días de libre disposición "ten o mesmo obxectivo: a desaparición de servizos públicos e a privatización dos mesmos", apunta Santamariña.

A xuízo da CIG, todas estas medidas, non fan máis que afondar no deterioro dos servizos básicos á poboación, dado que a destrución de máis emprego público, o aumento de cargas de traballo e o resto de recortes das condicións laborais só poden ir en detrimento da súa calidade, cando non a eliminación de moitos de eles.

A secretaria nacional de CIG-Administración denuncia que “o obxectivo de todos estes recortes é a descapitalización do ben común que supoñen os servizos públicos para proceder a súa privatización, poñendo desta forma o servizo do beneficio privado o que debería de estar ao servizo da cidadanía”.

“Sérvense da situación de crise e de alarma xerada e usan o medo como arma, para desmantelar estos dereitos e servizos básicos precisamente cando máis necesario resulta o seu fortalecemento, co fin de atender as necesidades de unha sociedade cada vez máis probre e desprotexida”, denuncia a Área Pública da CIG.

No caso concreto do ensino público, Louzao alerta da situación á que se aboca coa supresión de miles de postos de traballo, despedimentos de interinos/as, supresión do cobro do verán do persoal substituto e supresión de novas prazas no ensino público. Cualifica o panorama de “desolador” e advirte que “estas medidas dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar”.

Do mesmo xeito, no que respecta á sanidade pública Abuín asegura que a sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade “é a única que garante a equidade do sistema para que todas as persoas teñamos os mesmos dereitos de acceso a ela”. Afirma que rachar con isto provocará un sistema sanitario de pobres e ricos e denuncia que “o camiño emprendido polo PP vainos levar a un modelo como o dos Estados Unidos onde, co seu modelo privatizador, teñen o sistema sanitario máis caro pero no que paradoxicamente morren máis de 26.000 persoas anualmente por falta de asistencia”.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com