Neste sentido, o Comité asegura que as traballadoras e traballadores dos Centros “estamos fartos de ver que diñeiro público é regalado a Fundacións Privadas que con 2.620.000 euros poden construír dous enormes edificios para Centro de Día e residencia para persoas discapacitadas en Betanzos, pero o diñeiro público que debe ser empregado nos Centros Públicos é investido a contagotas, e moitas veces, despois de que protestemos”.
Alén diso, denuncian que “é inadmisíbel” que na maioría dos centros dependentes de Traballo e Benestar na Coruña, non se proceda á cobertura de vacantes de persoal laboral, o que limita os servizos prestados e sobrecarga ao persoal que ten que traballar na súa quenda e cubrir ao que está ausente.
Como exemplo sinalan que no CAPD A Coruña (Centro de Atención a Persoas Discapacitadas -ex CAEE Santiago Apóstol) e no Centro de Protección de Menores San Xosé de Calasanz, a consellería está practicando unha política “antilaboral” no caso concreto das Camareiras e Limpadoras, ao non cubriren 12 postos de traballo en ambos os centros: 4 postos de traballo vacantes; 6 postos de traballo que están de vacacións e 2 postos de traballo que están de baixa.
Remarcan que outro dos postos de vacacións non cuberto no CAPD A Coruña é o de Gobernanta, polo que, afirman “as Camareiras-Limpadoras, traballan como cren que deben traballar, porque, para colmo, non hai un só protocolo escrito de que facer en determinadas ocasións”.
Explican que en tódolos centros de Traballo e Benestar da Coruña, onde se produce esta situación, residencias de maiores, centros de menores, escolas infantís, xefatura territorial e CAPD, o traballo que se ten que facer é exactamente o mesmo pero está recaendo en moitos menos traballadores/as “co cal a sobrecarga de traballo é inadmisíbel, como é inadmisíbel que a consellaría queira aforrar diñeiro a costa de baixar a calidade do traballo, a saúde do persoal e para colmo, ese aforro de diñeiro vai regalado a Fundacións e Empresas Privadas que administran o diñeiro como lles da a gana e sen ningún control”.
Ante esta situación, aseguran que combaterán e denunciarán as medidas “antisociais e antilaborais” da consellaría de Traballo e Benestar de A Coruña.