O documento recolle literalmente que:
“Quedando acreditado que D. Xosé Ramón Reboiras Noia, en defensa do movemento sindical e da súa militancia política nacionalista, padeceu ilexitimamente persecución e violencia que motivaron a súa morte en Ferrol (A Coruña), o once de agosto de 1975, e
Visto que D. Xosé Ramón Reboiras Noia ten dereito a obter a reparación moral que contempla a Lei 52/2007 , do 26 de decembro, mediante a que a Democracia española honra aos que padeceron inxustamente persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a Ditadura,
Expide no seu favor a presente Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal, en virtude do disposto no parágrafo 1 do artigo 4 da citada Lei”.
Suso Seixo considera que rendir homenaxe a Reboiras é rendir homenaxe a unha forma de facer política e traballo social en beneficio dos intereses de Galiza e das súas clases traballadoras
Suso Seixo, secretario xeral da CIG, foi convidado a intervir no acto convocado pola UPG en Ferrol, na tarde do 12 de agosto, dada a vinculación de Moncho Reboiras co que foi o xermolo do movemento sindical nacionalista. Reproducimos , de seguido, a súa intervención.
Estamos, un ano máis, rendindo homenaxe, nun 12 de agosto, ao noso camarada Moncho Reboiras, asasinado pola polícia franquista no ano 1975, e a través da súa figura queremos rendir homenaxe tamén a unha forma marxista de interpretar a realidade económica e social da nosa nación e a unha forma de facer política e traballo social en beneficio dos intereses de Galiza e das súas clases traballadoras.
Trinta anos despois do asasinato do noso camarada, ten mudado no Estado Español o réxime político e o modelo de Estado fortemente centralizado, pero non ten mudado nin o sistema, que segue a ser capitalista, nin o papel de Galiza dentro do Estado, que segue a ser de dependencia colonial.
Isto fai que a situación política actual e a de hai trinta anos, presenten certas similitudes, de grande importancia para unha forza política como a nosa, non integrada no sistema, e que busca coa súa praxe a transformación radical de Galiza, tanto do punto de vista social como no seu status de nación sen soberanía política.
Exemplos destas similitudes podíamos encontralos nos seguintes feitos:
1º.- Seguimos a ser gobernados por unha dereita que presenta claras actitudes políticas e idelóxicas de corte franquista. Unha dereita fortemente reaccionaria, antigalega e defensora a ultranza do centralismo español e dos intereses da oligarquía.
2º.- Seguimos a ter que facer unha defensa numantina do noso idioma, da súa dignificación e normalización, ante os ataques e o desprezo de que é vítima, por parte do Partido Popular e tamén de certos sectores do PSOE, empeñados en denigrar a nosa lingua e reducila á marxinalidade.
3º.- Segue existindo, por parte dos poderes fáticos e do goberno español, unha persecución e represión contra todos aqueles – organizacións sociais e políticas, traballadoras e traballadores, sindicalistas – que non estamos dispostos a aceptar que vivimos no mellor dos mundos posíbeis e mantemos unha actitude de combate e de confronto contra todas aquelas políticas neoliberais, antigalegas e antiobreiras, que se promoven desde o poder económico e político.
Sirvan como exemplo, do que estou a denunciar, os numerosos xuízos e multas que están a caer sobre moitos compañeiros e compañeiras da CIG, dirixentes sindicais, traballadores e traballadoras de diferentes sectores, que sofren esta represión polo feito de defender con coherencia os seus dereitos e unhas condicións dignas de traballo. Outro exemplo sería, a campaña de manipulación, ocultamento e desprestixio, de que é obxeto o nacionalismo, a través dos medios de comunicación do sistema, controlados polo españolismo, tanto de dereitas como de esquerdas, destacando especialmente nesta laboura La Voz de Galicia.
4º.- Por último, dentro destas similitudes entre a situación política actual e a de hai trinta anos, sería destacábel a actual crise sistémica, todo indica que de maior profundidade que a crise dos anos setenta, e que está a ter graves consecuencias económicas e sociais para o noso pobo. Unha situación que precisa de debate ideolóxico, de clarificación das diferentes alternativas políticas, de concienciación e mobilización social, de búsqueda dun novo modelo de organización social e económica que supere o actual modelo de capitalismo neoliberal.
Estamos pois nun momento político que, como xa sucedeu nos anos setenta, cando á crise económica uníase a caída do franquismo, o nacionalismo debe afrontar con decisión, valentía e con alternativas económicas, sociais e de modelo de Estado que impliquen un claro compromiso coa defensa dos intereses das clases traballadoras galegas.
Temos que rexeitar e manter unha actitude belixerante, con aqueles posicionamentos políticos que non cuestionan, nin o modelo neoliberal nin o sistema, e que buscan superar a crise recorrendo a precarizar aínda máis as condicións de traballo, a conxelar os salarios e a apropiarse de miles de millóns de euros do patrimonio público. Pero temos que rexeitar tamén, aqueles outros posicionamentos políticos que, criticando os excesos do neoliberalismo, non cuestionan a economía libre de mercado e buscan a estabilidade do propio sistema capitalista, a través de máis regulación e control dos mercados financeiros e recorrendo tamén a meter man no erario público. Ambas as dúas posicións terminan servindo aos intereses da oligarquía financeira.
O nacionalismo galego, a esquerda real na nosa nación, non pode conformarse con reformas ao actual modelo neoliberal. Ten que exixir e loitar por cambios estruturais profundos no actual modelo económico, na procura:
- Dun modelo produtivo sostíbel, do punto de vista social e medio ambiental.
- Dun modelo de acumulación e reparto da riqueza favorábel aos intereses da clase traballadora.
- E dunha estrutura de Estado na que Galiza teña plena capacidade de decisión e sexa a única dona do seu destino.
Isto, entendo eu, é o que agardan de nós, os traballadores e traballadoras, os bos e xenerosos cidadáns da nosa terra. E esta, é tamén, a mellor homenaxe a Moncho Reboiras e a todos aqueles que utilizamos o marxismo para interpretar e transformar a realidade social, económica e política, desta nosa nación que é Galiza.
Xosé Ramón, “Moncho”, Reboiras, vida e compromiso
Na madrugada do 12 de agosto de 1975, máis de 300 axentes dos corpos represivos da ditadura franquista rodeaban o edificio no que se atopaba Moncho Reboiras, na Rúa da Terra en Ferrol. Ao pé do portal, o militante nacionalista era acribillado a tiros. O historiador Uxío Breogán Diéguez fai un percorrido pola súa biografía neste artigo que xa foi publicado na nosa páxina web no ano 2005, con motivo do 30 aniversario do seu asasinato.
Xosé Ramón Reboiras Noia naceu o 19 de xaneiro do 1950 en Imo, Dodro, no seo dunha familia popular. Alá medrará a cabalo entre o agro e o mar. Estuda como a maior parte dos nenos da zona na escola unitaria de Imo. Eran os tempos nos que o agromar, outravolta, do sentimento nacional da Galiza, aínda que na clandestinidade, estaba a se reorganizar logo da queda que suporía o golpe militar-reaccionario do 1936.
En procura dunha mellor situación económica, e con tan só nove anos, Ramón Reboiras marcha cos pais e o seu irmán, un ano máis novo ca el, a Vigo cara 1959. Os seus proxenitores botarán a andar o Bar Noia “viños e comidas. Café expres” na barriada popular de Teis, convertido, froito da industrialización e o medre da cidade olívica, nunha sorte de cidade dormitorio. Neste contexto eminentemente proletario, no que sobrevive a realidade labrega, o mozo Ramón observa e padece a opresión de clase. Polo Bar Noia pasaban ducias de obreiros diariamente. Os irmáns Reboiras, que axudan á nai a levar o negocio familiar, confróntanse coa realidade do mundo fabril. A isto súmaselle o feito do pai ter que embarcar en petroleiros e mercantes noruegueses para mellorar a economía familiar.
Moncho era un mozo responsábel, un estudante aplicado, deportista, moi observador e, desde cedo, irá tomando unha crecente preocupación e compromiso coa realidade que o circunda.
Neste tempo chegan a Vigo as novas dos conflitos de Castrelo de Miño (1965), e doutras loitas populares. Nestes movementos populares de resistencia e loita comezará a estar presente unha nova organización nacionalista que viña de nacer, a Unión do Povo Galego (UPG). E chegan tamén as informacións do paro obreiro dunha hora que se efectivizará na empresa Barreras pola mellora das condicións laborais dos operarios, así como máis tarde sábese dos conflitos na Universidade compostelá.
Nesta altura os irmáns Reboiras compatibilizan o traballo no bar familiar cos seus estudos en diversas academias de Teis. Será na segunda metade da década dos sesenta cando chegue para Moncho a organización no seu bairro de adopción. Será no marco da Asociación O Castro, logo do contacto co xesuíta Xaime Seixas Subirá. Co padre Seixas participará, ao igual que moitos outros mozos, nos exercicios espirituais e o movemento polas misas en galego por todo o país. Nesta altura Moncho, terá unha consciencia nacional e de clase conformada e que engordaba día a día. Unha vez tomada esa consciencia tocaba trasladala a outros mozos cos que tiña trato. Nesta orde de cousas, tras o traballo no Castro virá o traballo na Asociación Cultural de Vigo.
Corre o ano 1969 e Moncho intégrase na UPG entendendo que era hora da organización política, estrito senso, e de canalizar a súa acción no marco desta organización nacionalista e de esquerda. Desenvolve un forte e efectivo proselitismo co grupo de rapaces do seu bairro mais tamén entre os contactos que foi facendo co Padre Seixas.
En paralelo, estuda na Escola de Enxeñería Industrial de Vigo. Aquí botará a andar a publicación Des...tornillo, para aguilloar na consciencia dos compañeiros de aulas. Polas súas boas cualificacións obterá unha bolsa e comezará a súa vida laboral en Barreras. Coñecendo en maior medida a realidade laboral e a explotación de clase.
Por outra banda o traballo no que se achaba mergullado Moncho Reboiras tamén, ao pouco, derivaría na denominada Fronte Cultural, (antecedente da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG)).
Chega o 1972 e acentuase a represión sobre a clase traballadora galega. En Ferrol por impacto de bala morren os traballadores Amador Rei e Daniel Niebla. Feito que daría lugar ao “10 de marzal. Día dos obreiros heroicos”, antecedente do que hoxe coñecemos como Día da Clase Obreira Galega. Moncho desde a UPG está na coordinación dun dosier, de grande interese, no que se expuñan e denunciaban os feitos. Aliás, neste tempo é de grande importancia a súa relación con destacados integrantes do grupo Organización Obreira, tentando, mesmo, a súa inclusión na Fronte Obreira da UPG.
Polo seu compromiso coas mobilizacións Moncho é expedientado e expulsado de Barreras. De esta empresa marchará a Álvarez, tamén en Vigo, e ao pouco, xa sen vinculación cos estudos rematados, sen bolsa, marchará para A Coruña. Moncho, membro do comité central da UPG e do seu comité executivo, sabía que era preciso artellar noutros puntos da xeografía galega pequenas estruturas de obreiros (xermes sindicais) e simpatizantes e militantes nacionalistas. Así se convén a nivel partidario asumindo Reboiras, xunto a outros compañeiros e compañeiras, unha responsabilidade crucial. Un traballo que cristalizará na creación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) no ano 1975. Moncho, sen dúbida, era un militante que ficaba na vangarda.
Neste senso e tras decidir a UPG aprofundar en ‘formas de loita máis avanzadas’ (sic), Reboiras participa da creación dun grupo operativo de acompañamento das loitas populares e da ‘expropiación’ de material para dotar de infraestrutura ao nacionalismo na altura, de cara a súa acción política; aportando medios necesarios dos que carecía o ‘aparello de propaganda’ da devandita organización.
Os corpos represivos da ditadura franquista sabían das accións e dotes organizativas de Moncho. Así foi que atopándose en Ferrol, a policía cerca a vivenda na que se achaba Reboiras con dous camaradas á tardiña do 11 de agosto. Na madrugada do 12 de agosto axentes da Brigada Político Social, xunto a máis de 300 axentes da policía armada, rodean o domicilio onde estaban os tres militantes da UPG.
Moncho, diante deste contexto, centra nel a atención da policía para deixar paso libre aos seus dous camaradas, que así lograrían fuxir, pasando el a outro edificio a través dunha claraboia. Xa ao pé do portal destoutro edificio, na rúa da Terra, Moncho era acribillado a tiros, un deles na caluga, segundo información médico.
Co asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia o nacionalismo entra nunha fase de reestruturación forzosa diante da situación de desmantelamento e de forte represión que estaba a padecer. Virá un novo contexto, o da mal entendida e mal explicada “reforma” e “transición” política. Mais isto é outro tema. En todo caso o certo é que Moncho Reboiras fica na nosa memoria colectiva como exemplo modélico de compromiso coa liberación nacional e social da Galiza.