Ao remate da concentración, que comezou cun minuto de silencio, os sindicatos adiantaron que os grupos políticos esixiranlle ao conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, as responsabilidades pertinentes, aínda que CIG, UGT, CC.OO. e CSIF indicaron que na cadea de mando o director xerente de Seaga, o director xeral de incendios e o secretario xeral da consellería, por seren os responsábeis de persoal, "algo terán que asumir neste tráxico accidente".
Pola súa banda, o secretario nacional da CIG-Autonómica, Fernando García, lembrou que os brigadistas "están traballando en condicións pésimas poñendo en risco a súa vida", ao tempo que esixiu "a detención inmediata do incendiario responsábel dos feitos".
Dende a central nacionalista criticaron a política forestal e de loita contraincendios da Xunta, xa que "non existe un plan de formación porque se reduciu o número de membros de cada brigada". Segundo manifestou García, "dende marzo privatizouse a planificación estratéxica de incendios, e agora preguntámonos onde está a coordenación operativa da loita contra o lume".
Neste senso, incidiu en que "no existen tareas de prevención ao non contratar a persoal en inverno e, polo tanto, no hai avaliación de riscos nos postos de traballo", o que "se traduce nun problema grave de coordenación e planificacióne abona o terreo para que se produzan casos tan desgraciados como o vivido en Fornelos de Montes".
Reclaman unha investigación
Os comités de empresa de Seaga das catro provincias galegas reclaman tamén á dirección da empresa e á Xunta de Galiza a apertura dunha investigación para determinar as causas do sinistro. Delegados e delegadas sindicais concentráronse a semana pasada nas instalacións da compañía no polígono do Tambre, en Santiago de Compostela, en solidariedade cos compañeiros falecidos e coas súas familias. Ao remate do acto deuse lectura ao seguinte comunicado:
"Delegados e delegadas de Seaga das catro provincias galegas queremos amosar o noso apoio e solidariedade cos traballadores falecidos a pasada noite en Fornelos de Montes mentres realizaban o seu traballo. Todos os que nos dedicamos á loita contra o lume sabemos mellor que ninguén os riscos que este traballo representa e manifestamos o noso total apoio ás familias e aos achegados das vítimas. Diante da imposibilidade de realizar outro tipo de valoracións pola falta de datos concretos, instamos á dirección da empresa e á Administración a realizar unha investigación que esclareza os motivos deste tráxico suceso. A investigación, tal e como figura nos estatutos, debe de contar coa presenza da representación dos traballadores.
Manifestamos tamén o noso firme compromiso de intentar por todos os medios posíbeis que se coñeza o que relmente sucedeu. Ao mesmo tempo, trasladamos a nosa enteira disposición a familiares, achegados dos compañeiros falecidos, así como ao resto de membros das brigadas.
Finalmente, solicitamos o compromiso dos medios de comunicación para evitar na medida do posíbel a rumoroloxía até que non se coñezan as verdadeiras causas do sinistro".