Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 13/8/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Banca pide que se investigue a homenaxe a Mario Conde na que estivo Feijóo para determinar se fixo exaltación dun delito

A central non descarta mobilizacións no caso de que se volvan repetir actos que considera un insulto aos traballadores/as
A federación de Banca da CIG reclama que se investigue a homenaxe tributada a o ex banqueiro Mario Conde e na que estivo presente o presidente da Xunta de Galiza por se existiu exaltación dun delito. A central nacionalista considera este tipo de actos un insulto e un agravio aos traballadores/as e non descarta realizar mobilizacións no caso de que se volvan repetir convocatorias similares.

Dende CIG-Banca rexeitan en primeiro lugar a presenza de Alberto Núñez Feijóo no acto de integración de Mario Conde na “Orde da Vieira”, ao tempo que reclama que se aclare se durante o mesmo o presentador do gabou a xestión do ex banqueiro á fronte de Banesto, chegando a dicir que “llegó a ser presidente con innovaciones impactantes en la banca”, tal e como publicou algún medio de comunicación.

 Neste senso, o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, solicita que se investiguen estas afirmación “por se estiveramos ante a exaltación dun delito, dado que a sentenza contra Mario Conde foi polas súas prácticas a fronte desa entidade”. En todo caso, cualifica de “aberración inxustificable” este tipo de loubanzas.

 Montero lembra que a xestión irregular de Banesto, que obrigou a súa intervención polo Banco de España, tivo graves consecuencias para os traballadores e traballadoras. que sufriron un duro proceso de reconversión ligado á regularización da entidade. “Temos claro que Mario Conde é un cidadán libre que cumpriu a súa condena, outra cuestión é que mereza homenaxes e que se gabe a súa xestión a fronte de Banesto en actos que contan coa presenza do presidente da Xunta de Galiza”, indica. 

 Finalmente, asegura que este tipo de actuacións son un insulto e un agravio para os traballadores e traballadoras que sufriron as graves consecuencias, nomeadamente para aquelas persoas que perderon o seu emprego. “Por todo isto, dende a CIG non admitiremos este tipo de comportamentos e homenaxes inxustos a quen non os merecen. E non desbotamos mobilizacións si temos constancia de novos actos de este tipo”, conclúe o secretario nacional de CIG-Banca.

cig.prensa@galizacig.com