O co-voceiro da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, explicaba as dificultades económicas que padecen os mariscadores e mariscadoras da ría de Ferrol, debido a que nestes momentos máis do 20% do marisco depositado nas bateas de depuración (instaladas a causa da cualificación como zona C de moitas áreas da ría) está morrendo no proceso. A isto hai que engadir a escasa rendibilidade da actividade extractiva provocada pola baixada do prezo dos moluscos (o quilo de ameixa babosa págase a 3.5 euros, cando no mercado se vende a 18 euros).
“Estas circunstancias provocan unha baixada dos ingresos e a moitos mariscadores/as xa só lles dá para pagar as cotas á Seguridade Social, pero para nada máis”, advertía.
Dende o colectivo acusouse á Xunta de Galiza polo abandono aos que os ten sometido, xa que, a pesar das demandas do sector, o Goberno galego nin sequera convocou a Mesa de Dinamización (con representación de organizacións sindicais, de mariscadores/as e administracións de diferente ámbito) dende o pasado mes de marzo.
Naquela última reunión, o propio conselleiro de Medio Ambiente chegou a un acordo co colectivo de traballadores/as para que presentasen un plan de traballo de limpeza e rexeneración da ría que sería financiado polo departamento autonómico mentres non estea concluída a rede de depuración. “Os/as mariscadores/as presentaron o plan, que supuña alternar días de extracción con días de tarefas alternativas, pero até o momento non se sabe nada, e dende a Xunta descúlpanse con que xa instalaron as bateas depuradoras”, sinalou Pintos.
Neste senso, o co voceiro da CIG de Ferrol rexeitou a desidia da Xunta diante dos elevados índices de contaminación das augas, criticando que “en vez de favorecer os traballos para mellorar a ría, prefira mirar para outro lado” pondo en perigo a continuidade da actividade produtiva para 500 familias. Cómpre lembrar que a depuración da ría estaba comprometida para o ano 1996, pero a día de hoxe non se agarda que estea rematada até o 2015.
Falta de pagos e furtivismo
A precaria situación destes/as profesionais, puntualizaron, agudizouse nas últimas semanas, porque a Consellaría do Mar non paga á empresa que se encarga do reparqueo do marisco, e esta hai dous meses que non abona o salario dos seus traballadores/as, que ante esta situación tamén se negan a traballar.
Xunto a isto, os mariscadores e mariscadoras alertaron do incremento do furtivismo, que non só afecta aos moluscos con tamaño adecuado para comercializar, senón que agora os furtivos/as comezan a recoller cría que transportan e venden nos parques das Rías Baixas.
“Actitude mafiosa”
Durante a comparecencia, denunciouse tamén a “actitude mafiosa” amosada pola Consellaría do Mar para disuadir aos traballadores/as do mar e impedir que fagan denuncias públicas da súa grave situación. A crítica viña a colación do acontecido a un mariscador que logo de aparecer nos medios denunciando a elevada mortalidade do marisco nas bateas, veu como, aos poucos días, a administración lle decomisaba os aparellos que ten para saír traballar.
O afectado puxo denuncia no xulgado e na Inspección Pesqueira e finalmente devolvéronlle unha parte dos apeiros, mais en condicións inservíbeis, polo que non pode saír traballar. O deputado do BNG, Bieito Lobeira, comprometeuse a levar a documentación sobre este caso á Consellaría, co obxecto de abordar os feitos, reclamar que lle devolvan todas as pertenzas ao traballador e evitar que se volvan repetir prácticas deste tipo.