Durante a asemblea, explicou Manel Grandal, co-voceiro da CIG de Ferrol, a representación do persoal trasladou o resultado da reunión de urxencia mantida polos membros da Mancomunidade de Municipios da Ría de Ferrol, na que apoiaron as reivindicacións dos traballadores/as e na que se acordou remitir unha carta ao presidente da SEPI para pedirlle unha reunión na que abordar a situación.
Pola súa banda, os Comités da empresa pública e os Delegados/as das auxiliares continúan co peche indefinido no Concello de Ferrol, iniciado o martes, onde hoxe recibiron a visita do Deputado do BNG, Bieito Lobeira. O encerro comezou en resposta á carta remitida polo Conselleiro Delegado de Navantia na que se adiaba a data da reunión da comisión do dique e cuestionaba a viabilidade financeira do mesmo.
Dende a Sección Sindical da CIG criticaron a decisión de Navantia de adiar a reunión da comisión, nun momento no que países como Francia están competindo coa carga de traballo de Carenas ao dispoñer dun dique de maiores dimensións. Non construír o dique, advirten, suporá que a área de Carenas de Navantia quede anquilosada e fóra do mercado de reparacións.
Ademais, levar a cabo esta obra daría ocupación aos estaleiros da ría mentres non se concretan novos contratos que proporcionen a carga de traballo necesaria para manter os niveis de ocupación e a recuperación dos postos de traballo perdidos no último ano.