Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 14/1/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Unha conferencia organizada por CIG-Migración abordou a situación política en Venezuela

CON GONZALO GÓMEZ FREIRE E ARAMITA PADRINO MARTÍNEZ COMO PONENTES
O pasado martes 13 de xaneiro, tivo lugar no auditorio da sede comarcal da CIG en Vigo, unha conferencia organizada polo departamento de migración da central sindical, no que baixo o título “Venezuela após as eleccións. Situación dos galegos en Venezuela” se analizou a actualidade política e social en Venezuela.
A conferencia, que foi presentada por Manuel Mera, Secretario Confederal de Comunicación e Formación Sindical da CIG, tivo como ponentes a Gonzalo Gómez Freire, galego-venezolano cofundador do portal alternativo Aporrea.org, co-editor do xornal Marea Socialista dunha das correntes da Unión Nacional de Traballadores e integrante da equipa de traballo rexional do PSUV en Caracas, e a Aramita Padrino Martínez, avogada da asociación de vítimas do golpe de estado do 11 de abril de 2002.

No acto tamén estiveron presentes o Cónsul da República Bolivariana de Venezuela en Galiza, David Nieves, e o vicecónsul Pedro Ugueto.

A COMUNIDADE GALEGA EN VENEZUELA

Gonzalo Gómez iniciou a conferencia abordando o papel da comunidade galega no actual escenario político venezolano. "A colectividade galega, non é allea aos diferentes roles que se poden asumir nun contexto de loita de clases", sinalou explicando que na información transmitida polos medios de comunicación se omite intencionadamente aos galegos que teñen un papel significado no proceso revolucionario en Venezuela.

"Aquí só saen galegos opositores ao presidente Chávez, que os hai, pero nunca se lle da a palabra aos galegos que apoian o proceso bolivariano" denunciou.

AS CONQUISTAS DO PROCESO REVOLUCIONARIO

O cofundador de Aporrea.org, fixo ademais unha relación sintética das principais conquistas do proceso revolucionario ao longo dos últimos dez anos.

"Hai dez anos, a porcentaxe de pobreza, sumando relativa e extrema, era de arredor do 80% da poboación; dez anos despois sitúase entre o 30 e o 35%" dixo, citando tamén os importantes pasos dados na redución da diferenza entre as rendas máis altas e as máis baixas.

Avances no campo do ensino, da saúde, da democratización a través de estruturas de poder popular e da soberanía nacional, foron outras das conquistas relatadas.

A POSICIÓN VENEZOLANA SOBRE PALESTINA

Un dos feitos sobre o que o conferenciante reparou, foi na posición que o goberno da República Bolivariana de Venezuela tomou, en relación ao masacre que o estado de Israel está a perpetrar no territorio palestino da Faixa de Gaza, coa expulsión do embaixador israelí, o que demostra segundo dixo que "Hoxe a política exterior de Venezuela só responde á vontade do pobo venezolano; xa non estamos sometidos aos ditados dos Estados Unidos ou das principais institucións do poder mundial"

A EMENDA CONSTITUCIONAL

Gómez Freire, afirmou que a reforma constitucional que no seu momento o presidente Chávez impulsara, e que foi rexeitada por unha estreita marxe en referendo, non fora ben comprendida por parte da cidadanía venezolana.

Pola contra, desta volta, o que se está a debater é apenas unha emenda que afectaría a arredor de cinco artigos do texto constitucional, coa intención de eliminar as actuais restricións para a reelección consecutiva non só da Presidencia da República, senón tamén dos restantes cargos institucionais elixíbeis.

Nese sentido cualificou de hipócrita e cínica a campaña internacional que acusa falsamente, de autoritaria, a proposta de emenda. "No estado español, como noutros moitos estados, non hai ningunha limitación para a reelección do Presidente do goberno, e ninguén se atreve a dicir que iso sexa antidemocrático, porque non o é"

A ese respecto denunciou as contradicións dos que empregan un dobre baremo nesta cuestión dicindo que "En España hai un monarca, que non só non é elixido por ninguén, senón que non é revogábel mediante referendo, o Presidente de Venezuela si o é, pero curiosamente é a Chávez a quen se cualifica de ditador"

O GOLPE DE ESTADO DO 11 DE ABRIL

A avogada Aramita Padrino Martínez, da asociación de vítimas do golpe de estado e dos masacres do Yumare (1986) e Cantaura (1982), centrouse no proceso que se está a levar adiante en Venezuela para impedir que o golpe de estado do 11 de abril de 2002, dirixido pola oligarquía e apoiado por potencias estranxeiras para provocar a queda do goberno lexítimo do Presidente Hugo Chávez, quede impune.

Proxectouse unha presentación de diapositivas, con imaxes que forman parte do expediente xudicial da causa, na que se podía observar como efectivos da Policía Metropolitana de Caracas dispararon contra a cidadanía que estaba concentrada na ponte Llaguno para impedir que a marcha opositora tomase ilegalmente o Pazo de Miraflores, sede do goberno da República, causando non só varios mortos senón unha grande cantidade de feridos graves.

Padrino, sinalou que as imaxes presentadas foron extraídas de filmacións que foron presentadas polos propios medios de comunicación, implicados no golpe, e rexeitou de plano as acusacións de que o poder xudicial venezolano estea sometido aos ditados do goberno da república.

"Cando en todo o mundo se recoñece o golpe de estado do 11 de abril contra o goberno lexítimo, a corte suprema de Venezuela resolve que non houbo tal, ¿Qué xustiza ten controlada Chávez?" preguntouse.

cig.prensa@galizacig.com