Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 14/1/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Xunta pecha a Casa do Mar de Ferrol e deixa na rúa a cinco traballadores/as

A administración rematou o contrato coa empresa encargada dos servizos de seguranza e mantemento
A CIG de Ferrol criticou a actuación da Xunta da Galiza, quen, o pasado 31 de decembro, pechou as instalacións da Casa do Mar e rematar o contrato coa empresa Esabe, deixando deste xeito na rúa aos cinco traballadores encargados dos servizos de seguridade e mantemento das instalacións. Dende a Federación de Servizos, cualificouse de “tomadura de pelo” esta medida e reclamouse ao goberno galego a reapertura das instalacións e a continuidade do proxecto para habilitar na Casa do Mar un Centro de Día para enfermos de Alzheimer.

Dende a CIG-Servizos de Ferrol lembran que o anterior goberno pretendía manter aberta a Casa do Mar e utilizar unha parte da mesma como Centro de Día para persoas con Alzheimer e, de feito, xa están rematadas as obras e o acondicionamento par tal finalidade.

Por iso, para a CIG-Servizos resulta unha “tomadura de pelo” para a cidadanía, os mariñeiros, os enfermos de alzheimer, os seus familiares  e para os traballadores/as que “despois das veces que este Goberno galego repetiu a palabra crise, coa escaseza de recursos que ten a cidadanía, coa escaseza de centros especializados para o coidado dos nosos maiores, a falta dunha hospedaría dedicada aos homes do mar e tendo á nosa disposición un centro completamente equipado”, se deixen apodrecer estas instalacións, sobre todo, logo de  que a Xunta gastase unha elevada cantidade de cartos públicos para o seu acondicionamento.

Así mesmo, a CIG-Servizos amosou a súa preocupación pola integridade do inmóbel e os seus bens que contén dada a situación illada do centro e a carencia de medidas de protección (falta de iluminación, muros, etc.). Situación que se podería evitar mantendo a Casa do Mar en funcionamento e co seu persoal de seguridade e mantemento traballando, tal e como se viña facendo dende o día da súa apertura até que o pasado 31 de decembro a Xunta rematou o contrato coa empresa Esabe, eliminando así os cinco postos de traballo.

A CIG-Servizos de Ferrol pide á Xunta que recupere a seguridade e o mantemento desta instalación e que abra a hospedaría e o Centro de Día para enfermos de Alzheimer. “Non pedimos un imposíbel, só reclamamos o cumprimento da lei e o cumprimento dun proxecto feito polo anterior goberno, que xa está rematado, e que a Xunta cumpra o prometido aos compañeiros/as despedidos/as, aos mariñeiros/as, á cidadanía e aos enfermos/as de Alzheimer e familiares”, afirman nun comunicado.

De igual xeito, a CIG de Ferrol advertiu que non se vai consentir este tipo de comportamentos e que se van tomar todas as medidas oportunas na defensa dos dereitos dos traballadores/as e da cidadanía.

cig.prensa@galizacig.com