A CIG non entende como se pode aplicar unha lei tan cuestionábel para un sistema democrático como a Lei de Partidos para encarcerar a persoas que estarían ‘presuntamente’ organizándose para crear unha organización política que ‘podería’ ser ilegal, sen sequera a garantía dun xuízo previo.
A CIG rexeita ademais que se vulneren dereitos fundamentais como o da presunción de inocencia, de reunión, de asociación, de expresión ou de pensamento. Dereitos que están consagrados na Constitución que tanto din defender aqueles que precisamente neste caso a están a incumprir.
Para a CIG, como sindicato nacionalista, é especialmente preocupante que se comece a valorar a posibilidade de abrir unha vía para aplicar a antidemocrática Lei de Partidos contra unha organización sindical como LAB, terceira en representación en Euskal Herria. Unha cuestión que responde unicamente á obsesión xacobina do Estado por atacar a aquelas persoas ou organizacións que cuestionen o seu modelo de España.
Desde a CIG enténdese que con esta decisión actúase contra persoas que, como Rafa Díez, viñan defendendo publicamente a vía da negociación e do diálogo para acabar co conflito que vive Euskal Herria, tal e como el mesmo afirmou nunhas xornadas organizadas pola CIG cando xa estaba rematada a tregua. Unha actuación que constata o nulo interese do Estado por darlle unha solución ao problema basco.