Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 14/10/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG esixe a dimisión dos máximos responsábeis de seguridade no Porto Exterior ante o accidente mortal rexistrado este venres

Un operario de Grúas Usabiaga faleceu mentres traballaba nas manobras de desmontaxe dun guindastre en Punta Langosteira
Diante do gravísimo accidente ocorrido esta tarde nas obras do Porto Exterior da Coruña que lle custou á vida a un traballador de Grúas Usabiaga, a CIG esixe á dimisión dos máximos responsábeis da Autoridade Portuaria en materia de seguridade, así como que se depuren as posíbeis responsabilidades penais por este feito.

A central sindical traslada as súas condolencias á familia do traballador, que faleceu mentres realizada unha manobra de desmontaxe dun dos guindastres do porto, e advirte que utilizará todos os mecanismos legais e xudiciais ao seu alcance co obxecto de que se depuren as responsabilidades e culpabilidades por este accidente.

A CIG ten denunciado en reiteradas ocasións a falta de medidas de seguridade, e o relaxamento das mesmas, nas obras do porto exterior e as eivas dos protocolos a seguir. Ademais, a central sindical xa alertou reiteradamente que a maquinaria coa se está a traballar non reúne as condicións mínimas de seguridade.

Cómpre lembrar que hai uns meses dúas grúas que operaban en Punta Langosteira caeron con poucas semanas de diferenza sen que até o momento se teñan esclarecido as causas destes sucesos. Naquel entón, a Unión Comarcal da CIG na Coruña xa advertira que o mantemento da maquinaria non era o adecuado para a cantidade excesiva de horas de traballo sen descanso que se realizan e, ao mesmo tempo, denunciaba a imprudencia e temeridade amosada pola Autoridade Portuaria e a UTE en materia de seguridade.

Este accidente, de gravísimas consecuencias, volve demostrar as graves carencias e os incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral existentes nas obras de Punta Langosteira; situación especialmente agravada nos últimos tempos dada a premura que se imprimiu ás obras para rematalas o antes posíbel.

cig.prensa@galizacig.com