O Secretario da CIG na Mariña, Xorxe Caldeiro, subliña que “podemos compartir que en determinados momentos, e este pode ser un deles, as empresas que teñan dificultades necesiten tomar medidas para manter a súa continuidade. Pero estas medidas teñen que contar sempre coa colaboración e aceptación do conxunto dos traballadores/as da mesma e ser o menos traumáticas posibles”. Para iso, matiza, existen mecanismos para permitir sortear un período de crise como poden ser as suspensións temporais, reducións de xornada e outros alternativas que poderían estar dispostos a asumir os traballadores/as pola continuidade da empresa e que non provocarían a destrución de empregos.
No caso de Muebles Hermida resulta moito máis grave a medida tan drástica que se pretende levar a cabo, polo numero de afectados e a repercusión social que tería para o entorno de Lourenzá e a comarca en xeral.
“Resulta incomprensíbel que unha empresa que vén de recibir nos últimos anos importantes axudas das administración públicas para poder contar cunhas instalación totalmente modernizadas non puidera ter tomado medidas menos traumáticas e que adaptaran a empresa ao momento de crise que padecemos. Desgraciadamente vemos a diario como moitas empresas están a utilizar a crise como escusa para a facer un adelgazamento dos seus cadros de persoal”, denuncia Caldeiro.
Dende a CIG maniféstase a total solidariedade con todos os traballadores e traballadoras de Muebles Hermida e o apoio a todas as mobilizacións e actos que convoquen.