marco
Compostela, 14/12/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG considera que a actuación dos gobernos de Marrocos e do estado español vulnera a legalidade internacional

Foi obrigada polas forzas policiais españolas, contra a súa vontade e sen documentación, a entrar no estado español
A Confederación Intersindical Galega considera que as accións realizadas polos gobernos de Marrocos e do estado español a través dos seus axentes e autoridades actuantes directamente vulneran a legalidade internacional, a lexislación interna de ambos os dous países e os dereitos humanos de Aminetu Haidar, tal e como teñen manifestado diferentes gabinetes xurídicos, organizacións de defensa dos dereitos humanos e grupos de apoio á activista saharaui Aminetu Haidar.

Consideracións respecto da situación xurídica de AMINETU HAIDAR e das argumentacións, respostas e propostas efectuadas polo Goberno do Estado Español.

ORIXE DA SITUACIÓN

O 13 de novembro de 2009, Aminetu Haidar regresou a El-Aiun, Territorio Non Autónomo do Sáhara Occidental, desde Gran Canaria procedente de Estados Unidos a onde acudira para recibir o “Premio á Coraxe Civil 2009” outorgado  pola estadounidense “John Train Fundation”. O regreso efectuouse a bordo dun avión da compañía aérea  española Binter. Ao chegar a El-Aiun foi detida de forma arbitraria pola policía marroquí, que lle quitou a súa documentación e someteuna a un tortuoso interrogatorio sen asistencia letrada.

O día 14 de novembro de 2009, 24 horas despois da súa chegada, foi obrigada, pola forza e contra da súa vontade, a entrar nun avión doutra compañía española “Canarias Aeronaútica”, e trasladada por esta, tamén contra da súa vontade e sen pasaporte ao Estado español, aterrando na illa de Lanzarote. Posteriormente foi obrigada polas forzas policiais españolas a entrar en Estado español, contra a súa vontade e sen documentación, prohibindo expresamente a Policía do posto Fronterizo de Lanzarote a saída de Estado español por ter ordes expresas nese sentido do Goberno de Estado español.

SITUACIÓN ACTUAL

Actuación dos Gobernos de Marrocos e do Estado Español

As accións realizadas polos Gobernos de Marrocos e do Estado español a través dos seus axentes e autoridades actuantes directamente vulneran a legalidade internacional, a lexislación interna de ambos países e os dereitos humanos de Aminetu Haidar , como se expresa a continuación:

A) Por parte de Marrocos:

Vulnérase a lexislación interna de Marrocos, que prohibe a denegación de entrada e expulsión de un nacional e garante no artigo 9 da súa Constitución o dereito á liberdade de circulación e de establecemento.

Vulnérase o Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos, ratificado por Marrocos, no seu art. 12.4: “Ninguén poderá ser arbitrariamente privado do dereito a entrar no seu propio país”, e que conforme ao art. 31 da Constitución do Reino de Marrocos forman parte do seu Dereito interno.

B) Por parte de Estado español:

A compañía aérea que traslada a Aminetu Haidar desde El-Aiun a Lanzarote incumpre o contido do art. 66-66.3 da Lei de Estranxeiría (L.O. 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros no Estado español e a súa integración social) ao realizar o Traslado Forzoso en contra da vontade da Sra. Haidar, habida conta de que non existe resolución algunha que comunique a expulsión de El-Aiun da pasaxeira, que coñece a vontade expresa da Sra. Haidar de non viaxar ao Estado español e que é informada perfectamente da carencia de documentación da mesma para entrar en territorio español. Ademais non existe causa de forza maior que obrigue a traslado e non é a compañía que levou a’O Aaiún a Aminetu Haidar o día 13/11/2009.

Ao efectuar o traslado forzoso da Sra. Haidar, a compañía de transporte puido incorrer nalgún dos tipos penais do Título VI do Código Penal referido aos “Delictos contra a Liberdade”, vulnerándose ademais o art. 17 da Constitución Española que consagra o dereito á liberdade e á seguridade de todas as persoas (O delicto contra a liberdade admite calquera medio comisito, como é a forza, a intimidación e mesmo o engano (STS 1224/2003, de 19 de setembro; (STS 2205/2002).)

Imposición de Entrada no Estado español . Quebrántase polas autoridades españolas o art. 25 da Lei de Estranxeiría que dispón que para autorizar a entrada dun estranxeiro non comunitario ao Estado español esíxese a concorrencia de vontade e petición de entrada no país por parte da persoa estranxeira así como o pasaporte, non constituíndo título de viaxe ningún outro permiso (o permiso de residencia temporal por razóns excepcionais - que posúe Aminetu para a súa atención médica - só exime da necesidade de visado, pero exixe o pasaporte, como establecen os art. 5 e 6 do Regulamento da Lei de Estranxeiría - R.D. 2393/2004, de 30 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da L.O. 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros no Estado español e a súa integración social-).

En todo caso o permiso de residencia temporal por razóns excepcionais é un dereito que ostenta o titular do mesmo e nunca pode converterse nunha orde contra a persoa.

Ao imporse a entrada ao Estado español da Sra. Haidar pola forza e contra a súa vontade concúlcanse, entre outros, o dereito á liberdade de circulación consagrado  no art. 19, parágrafo segundo, en relación co art. 13.1 da Constitución española, que “garante o dereito de toda persoa española ou estranxeira a entrar e saír libremente do Estado español nos termos establecidos pola Lei” .

Con respecto á Permanencia no Estado español e á Prohibición de Saída imposta polas autoridades Españolas a Aminetu Haidar, prívase á mesma do dereito de libre circulación, sen razón legal que o xustifique, negándoselle a posibilidade de regresar á súa casa en El-Aiun. A Sra. Haidar non está incursa en ningunha causa legal de prohibición de saída do Estado español, previstas no art. 28 da Lei de Estranxeiría (L.O. 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros no Estado español e a súa integración social) e no art. 20 do seu Regulamento. Ao non estar a Sra. Haidar en posesión do seu pasaporte por obrar o mesmo en poder da policía marroquí, para a súa saída do territorio español é de directa e estrita aplicación o contido do art. 19.3 do Regulamento da Lei de Estranxeiría (L.O. 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros no Estado español e a súa integración social), que dispón literalmente: “Se a saída se fixera con documentación defectuosa, sen documentación ou con documento de identidade no que non se poida carimbar o selo de saída, o estranxeiro cumprimentará, nos servizos policiais de control, o impreso previsto para deixar constancia da saída".

Do mesmo modo o Estado español, por medio dos seus axentes actuantes vulnera o Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos, que no seu art. 12.2 determina que “Toda persoa terá dereito a saír libremente de calquera país, incluso do propio”.

E así mesmo vulnérase, polo goberno do Estado español, o art. 2.2 do Protocolo nº 4 do Convenio para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais do Consello de Europa que contempla o dereito á liberdade de circulación, ao sinalar que “toda persoa é libre de abandonar un país calquera, mesmo o seu”, ratificado recentemente polo Estado español (BOE 13.10.2009)

Por parte da administración de xustiza española vulnerouse o dereito de defensa de Dona Aminetu Haidar, e o consagrado dereito á tutela xudicial efectiva de Xuíces e Tribunais (art. 24 da constitución española), ao impediren toda comunicación a esta e á sua representación legal con relación á denuncia interposta o día 15/11/2009 pola Sra. Haidar asistida de letradas ante a Comisaría do aeroporto de Lanzarote, polas violacións dos seus dereitos. Porén, procedeuse a actuar contra ela polo exercicio do seu dereito á folga de fame e á loita pacífica en reivindicación do respecto aos seus dereitos e exixencia de restablecemento de xustiza, cualificando os mesmos como “alteración da orde pública”, e vulnerando o Tribunal Superior de Xustiza de Canarias o su dereito á intimidade ao facer pública a través dos medios de comunicación a sentenza sen notificarlla á Sra. Haidar.

PROPOSTAS DO GOBERNO ESPAÑOL A AMINETU HAIDAR

Que Aminetu Haidar solicite ante as autoridades consulares marroquís un novo pasaporte marroquí.

Non resolutoria da situación en que Marrocos e Estado español colocaron a Aminetu Haidar por:

a) Esta opción excede da soberanía e competencias do Estado español, ninguén pode dar o que non ten.

b)  A Sra. Haidar xa ten un pasaporte en vigor que caduca en maio de 2010 e que se prorroga por cinco anos.

c) O feito de no ter pasaporte non é obstáculo para a saída do Estado español (art.19.3 RELOEX), nin lle pode impedir entrar no seu propio país sen que Marrocos viole o Pacto (art. 12.4 PIDCeP)

d) Os Convenios de Xenebra e o Dereito Humanitario impoñen ao Estado que exerce a ocupación sobre un Territorio Non Autónomo, ao que accedeu de forma contraria á Dereito, a obriga de dotar de protección e documentación á poboación autóctona, a non forzar o seu traslado e a non alterar a súa poboación. Por iso, a Sra. Haidar, é saharaui e ostenta pasaporte expedido polo Estado ocupante, único que pode facelo pois é quen, en violación do Dereito internacional, controla o territorio do Sahara Occidental. De igual modo o Dereito internacional prohibe expresamente que o Estado Ocupante converta de forma colectiva aos habitantes de un Territorio Non Autónomo en nacionais seus, sen prexuízo de que individualmente os habitantes do territorio se acollan aos dereitos que lle recoñeza ese Estado.

“Estatus de Refuxiada” para Aminetu Haidar outorgado polo Estado español

Non resolutoria da situación en que Marrocos e o Estado español teñen colocado a Amnetu Haidar por:

a) A protección que outorga a condición de Refuxiada e/ou Asilada Política estenderíase sobre Aminetu Haidar contra calquera actuación do Reino de Marrocos cara ela, impedíndolle o regreso a El-Aiun, Sáhara Occidental, ocupada de forma contraria ao Dereito por Marrocos (art. 12 e ss da Lei 5/1984, de 26 de marzo, reguladora do dereito de asilo e da condición de refuxiado)

Nacionalidade Española para Aminetu Haidar outorgada polo Estado español

Non resolutoria da situación en que Marrocos e o Estado español colocaron a Aminetu Haidar por:

a) A nacionalidade española implica necesariamente a renuncia á nacionalidade anterior, e por iso Aminetu Haidar viaxaría como española a El-Aiun. Deste modo, as autoridades de ocupación marroquís en exercicio dunha soberanía adquirida pola forza sobre o Territorio Non Autónomo do Sáhara Occidental e a súa poboación, e non recoñecida polas Nacións Unidas, poderá decidir rexeitar a admisión como con calquera outra persoa estranxeira que ostente nacionalidade distinta á marroquí.

b) Estado español e no exercicio de su soberanía e na protección dos seus nacionais no poderá garantir nin a entrada nin a permanencia de Aminetu Haidar no Sáhara Occidental dada su condición de estranxeira no devandito territorio. Xa que logo, se Marrocos lle negase a entrada, sería o Estado español quen colaboraría a separar á Sra. Haidar dos seus fillos, da súa familia, da súa terra.

c) O dereito a solicitar e adquirir a nacionalidade española ampara a Aminetu Haidar, dado que a súa nai xa a posúe.

Desde o día 14 de novembro de 2009, Aminetu Haidar unicamente reclama ao Estado español o cumprimento da legalidade internacional e do dereito interno español, o respecto aos seus dereitos humanos e que se lle retorne á súa casa cos seus fillos e a súa familia en El-Aiun, Territorio Non Autónomo do Sahara Occidental, nas mesmas condicións documentais nas que se lle trasladou forzosamente ao Estado español, e agora contando coa súa vontade de regresar.