CIG-Saúde e SAE denuncian que o SERGAS, coa proposta que presentou para a súa sinatura, pretendía que “enganásemos ás e aos traballadores, convencéndoos de que teñen que renunciar ás súas retribucións, que garantísemos que esta administración vai cumprir o seu calendario (cando agora non cumpre nin o publicado no DOG) e que sexamos dóciles, converténdonos na voz da administración e non nos representantes das traballadoras e traballadores”.
Entenden que esta folga é convocada por dignidade, porque non se pode consentir que a administración sanitaria difunda perante a opinión pública unhas mensaxes “co único obxectivo de desprestixiar ás traballadoras e traballadores, como preludio das medidas que van tomar na nosa contra”.
Denuncian ademais que mentres non se están a cumprir os acordos asinados máis de 400 persoas está a percibir o chamado plus de altos cargos, “15.000 euros por un traballo que xa non realizan” e aos xefes territoriais se lles incrementa en 200 euros ao mes os seus salarios.
Demandan ademais un incremento dos cadros de persoal e maior dotación orzamentaria e que se publiquen no DOG as retribucións dos altos cargos e as dietas que perciben por acudir a comisións ou Consellos de Administración en xornada ordinaria.
Por iso, fan un chamamento á participación masiva nesta folga en demanda do cumprimento dos acordos e contra a campaña de desprestixio que pretenden facer da sanidade pública e das súas traballadoras e traballadores