As federacións da área pública da CIG denuncian que os proxectos de orzamentos para o 2010, tanto da Xunta como do estado, contemplan un incremento retributivo para as empregadas e empregados públicos dun insignificante 0,3%, pretendendo que sexa a clase traballadora quen pague o prezo dunha crise provocada pola voracidade capitalista dos poderes económicos, amparado nas súas políticas neoliberais.
Lembran que grande parte de empregadas e empregados públicos teñen uns salarios inferiores a 1.000 euros/mes, nun escenario de continua perda de poder adquisitivo, xa que os incrementos salariais dos anos anteriores foron inferiores ao IPC.
Xunto a isto, consideran que tanto a calidade como a condición de público no emprego está a ser limitada pola constante diminución do mesmo, como consecuencia das limitacións das taxas de reposición de efectivos (desta volta dun 15%).
A isto engaden que o goberno do PP na Xunta copia os incrementos dos orzamentos do estado (tendo facultades para melloralos) e suspende acordos sectoriais comprometidos e asinados cos sindicatos, nos que se contemplan melloras retributivas para os vindeiros anos (cousa que non fixo o goberno do estado).
Por iso reivindican un incremento salarial igual á media da suba dos convenios colectivos do anos anterior; un plano de recuperación do poder adquisitivo nos vindeiros anos e cláusula de revisión salarial; a reposición, como mínimo, do 100% das baixas producidas o ano anterior e o mantemento dos acordos retributivos comprometidos para os vindeiros anos, nos ámbitos respectivos.