Néganlles a posibilidade de traballar en festivos para que non poidan recuperar os cartos
O pasado domingo día 6 de decembro, un grupo de delegados e delegadas de comercio de alimentación concentrábanse diante dun centro de traballo de Gadis en solidariedade cunha delegada polas presións que ela e máis as súas compañeiras están a sufrir por teren participado na folga convocada no sector en demanda dun convenio digno.
O pasado 27 de novembro as traballadoras e traballadores de comercio de alimentación das empresas Gadis, Froiz, LIDL e Arbol participaban na folga convocada no sector en demanda dun convenio colectivo digno. Unha mobilización que tivo un grande seguimento e que favorecerá a substancial mellora das condicións económicas e sociais do sector, sobre todo “fronte á miseria que nos ofrecían antes da folga desde a patronal”, explican as delegadas/os.
É por iso que Gadis, como malos perdedores, pretenden tomar represalias contra algunha das persoas que deron a cara para conseguir estas melloras. En primeiro lugar fixeron mal os descontos do día da folga para desanimar ás e aos folguistas e agora negan a posibilidade, voluntaria até agora, de traballar os festivos para que non se recuperen eses cartos.
No centro de traballo de Gadis na rúa dos Concheiros, en Santiago, unhas das delegadas de persoal da CIG, Ana Grela, enfrontouse por esta inxustiza ao encargado. De resultas desta discusión a compañeira sufriu un ataque de ansiedade e atópase neste intre de baixa. O encargado e Gadis pretenden que non exerza a súa función de representante das súas compañeiras, pero desde a CIG advirten que iso “non o van conseguir nunca. En canto teña a alta médica, Ana estará outra vez á fronte das demandas dos traballadores e traballadoras de Gadis”.
O dereito a ir a unha folga é un dereito fundamental. Desde a CIG denúnciase que “este dereito foi esmagado pola empresa e por moitos encargados e encargadas de Gadis que, obedecendo ao seu amo, pasaron toda a semana anterior presionando e ameazando ao resto de traballadores e traballadoras para que non foran á folga. E como viron que finalmente esta folga saíu ben agora querían seguir demostrando autoridade e así manter a súa particular ditadura nos centros de traballo”.
Desde a CIG advírtese que “non imos permitir un abuso de autoridade máis. Porque iso é acoso laboral e ímolo denunciar publicamente, como nesta concentración, e xudicialmente para que se castigue aos acosadores”.