Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 14/12/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A administración concursal de Alfageme presenta unha demanda por financiación irregular contra Promalar

A denuncia cifra nuns 12 millóns de euros as axudas públicas que foron desviadas pola conserveira para a inmobiliaria
A administración concursal de Alfageme presentou unha demanda contra a inmobiliaria Promalar, tamén propiedade da familia Lago, por presunto financiamento irregular ao ter desviado preto de 12 millóns de euros en axudas concedidos á conserveira. A denuncia, que foi admitida a trámite, esixe o reingreso dos cartos na empresa, o que permitiría facer fronte ás indemnizacións pendentes coas traballadoras/es.

Os detalles da demanda, que foi presentada o pasado 9 de novembro no Xulgado do mercantil número 3, foron expostos hoxe en rolda de prensa polo secretario nacional da FGAMT-CIG, quen compareceu xunto a medio cento de ex empregados/as da conserveira. Xosé Fernández Piñeiro precisou que a administración concursal considerou, a instancias da CIG, que o desvío de 11.819.790 euros de axudas e avais públicos dende Alfageme a Promalar pode constituír un presunto delito de financiamento irregular.

A comparecencia serviu tamén para anunciar a finalización do informe concursal definitivo sobre a situación da empresa, que incide no que xa apuntaba o provisional. A grandes trazos, o documento reitera a nefasta xestión da compañía e pon en dúbida que os pasos dados pola propiedade foran encamiñados a manter o proxecto industrial. Agora o xuíz dará traslado do informe ás partes, tras o que se abre un período de alegacións. “Despois deberán optar entre a liquidación da compañía ou presentar un convenio, algo polo que nunca pasaremos”, indica Piñeiro. Lembra que os traballadores/as só aceptarán a liquidación, porque aceptar o convenio suporía reducir a débeda. “O convenio só sería posíbel cun proxecto económico e industrial que garanta o mantemento de todos os postos de traballo”, sinalou.

Nesta liña, anunciou que a central vai convocar unha mobilización para denunciar o papel que a Xunta de Galiza está a xogar no conflito: “A actitude da Consellería de Economía non é de recibo, xa que en todo este tempo non fixo nada para manter o patrimonio da empresa, e non hai que esquecer que o Igape é o principal acredor”. Tamén indicou que non buscou un proxecto industrial alternativo, negouse a aprobar unha proposta do BNG no que se lle instaba a liderar o proceso e non recibiu á representación social. A marcha “pola dignidade e por unha posición de clase” celebraríase xa o ano que vén diante da Consellería en Vigo.

Finalmente, Piñeiro reiterou a necesidade de promover un novo proxecto industrial, “porque deste xeito habería máis posibilidades de cobrar as indemnizacións”. Ao tempo, velarán para que o concurso de acredores sexa declarado válido e a familia Lago teña que responder cos seus bens.

cig.prensa@galizacig.com