Na resolución da Inspección de Traballo saliéntase, tal e como defendía a CIG, que do exame da documentación presentada “dedúcese que existen perdas non moi importantes no último ano” e que estas están relacionadas, non só con causas externas, senón tamén coa diminución do cadro de persoal no mesmo período e a non renovación de contratos de obra.
Alén diso, a Inspección aprecia contradicións nas previsións para 2010 e 2011 e afirma que “a facturación sería a mesma teoricamente, a pesar de contar con menos persoal de produción, e da eliminación de toda a sección de ferralla”.
Engade que o Grupo rematou o 2009 con beneficios; que conta co apoio financeiro da matriz e do resto do grupo, concretado na concesión de avais para obter novas liñas de financiamento; que a estrutura financeira da sociedade está saneada, tanto no activo como no corrente (conta cun fondo de manobra de 929.208 €); que conta con liñas de creto outorgadas e non utilizadas e a sociedade puido renovar a meirande parte das liñas de financiamento a curto prazo; que dispón de determinadas inversións inmobiliarias que poderían enaxenarse, sen afectar significativamente á súa capacidade operativa, para conseguir fondos e que non hai débedas nin salariais, nin coa Seguridade Social.
Medida desproporcionada
Por iso conclúe que “a medida non se considera proporcionada respecto da situación económica. A desaparición de toda a fabricación de ferralla, extinguindo todos os contratos, é totalmente drástica e desproporcionada, considerando que a empresa do Grupo Rodiñas Norte, de recente creación, tamén necesita da fabricación de ferrallas, que si vén facturando a Rodiñas Milladoiro S.L”.
O informe remata afirmando que “a inspectora aprecia relación directa entre a diminución da produción e a redución de persoal xa efectuada; non se utilizan liñas de creto existentes; o resultado económico do grupo empresarial é favorábel, ademais de que veñen de construír novas naves; outras das empresas do grupo, de recente creación, precisan da ferralla que deixará de producirse para fabricar formigón; contan con activos financeiros e inmobiliarios que permitirían superar a crise sen acudir a medidas drásticas e definitivas, como a desaparición de ferralla e a extinción de todos os contratos”.