Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 14/5/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

As traballadoras despedidas do CPI de Panxón retoman as protestas para esixir solucións a súa precaria situación

Acompañadas por delegados/as da CIG pecháronse na Delegación da Consellaría de Educación en Pontevedra
Traballadoras do CPI de Panxón e delegados/as da CIG pecháronse o xoves na delegación da Consellaría de Educación en Pontevedra para reclamar a continuidade das seis compañeiras despedidas, logo de que a Xunta decidise anular o servizo de limpeza contratado á empresa da que dependían estas empregadas, catro das cales xa levaban traballando no centro 23 anos.

A Secretaria comarcal da CIG-Servizos, Tránsito Fernández, criticou a celeridade con que a administración enviou aos efectivos policiais para desaloxalos do edificio, pois os axentes chegaron tan só dez minutos despois de que se iniciara a protesta e insistindo no desaloxo. O peche desenvolvido na Delegación da Consellaría dá continuidade á mobilización levada a cabo a finais do pasado mes nos edificios de Educación en Compostela, onde recibiron un trato moi semellante.

Fernández explicou que foron recibidos polo Xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares, ao que acusou de ignorar as reivindicacións da central, evitar buscar unha solución aos despedimentos e de actuar con absoluto menosprezo ás traballadoras afectadas, ao asegurarlles que “tiveran moita sorte de ter traballo” durante 23 anos.

A consellaría de Educación decidiu anular o servizo de limpeza contratado á empresa Limpezas Germania da que dependían estas traballadoras e deixounas sen traballo. Teñen unha franxa de idade de entre 46 e 64 anos e delas, catro levan 23 anos no centro e só dúas poderían acollerse a unha prexubilación.

Comezaron traballando no Instituto Social da Mariña (ISM), anterior titular do centro, como persoal propio, para logo seren trasladadas a unha contrata como fixas-discontinuas, polo que están na rúa sen dereito a paro. O ISM contratounas no seu día, xunto con oito camareiras, para manter en orde a residencia de orfos, na que se encontraban preto de 200 internos, e o colexio, con pavillón de deportes incluído.

Ao traspasaren o edificio á Consellaría de Educación nos 90, o servizo de limpeza foi contratado a unha empresa externa e as camareiras se mantiveron como funcionarias. Ao desaparecer os internos, a Xunta considera que o contrato de limpeza resulta caro, polo que decidiu anulalo, pasando a ser as camareiras quen se ocupen da limpeza.

Porén, desde a CIG-Servizos de Vigo, afirman que as funcións destas traballadoras continúan a ser necesarias, xa que a residencia se utiliza como comedor e acolle grupos de excursións e visitas. O centro conta con dúas hectáreas de terreo e máis de 3.500 xanelas, así como un polideportivo que precisa hixiene.

No momento no que se tivo coñecemento desta decisión a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo xa denunciara que a decisión da consellaría pecaba de moitas incoherencias, comezando polo feito de que a administración sacou a concurso o contrato de limpeza, a finais do pasado ano, resultando adxudicataria en xaneiro a empresa Linorsa. No mes de febreiro solicitábaselle a Limpezas germania que prorrogara o contrato até o 31 de marzo, mentres Linorsa recibía a notificación de que a consellaría asumía o servizo como propio.

cig.prensa@galizacig.com