O persoal elixiu esta localización para realizar a súa protesta, xa que nesta praza está a casa familiar do fundador da compañía. Cómpre lembrar que Einsa iniciou a súa traxectoria no sector das artes gráficas na vila de Pontedeume en 1989, baixo a cobertura do plan de reindustrialización do naval.
A pesar de ter unha produción estábel e de recibir axudas públicas durante unha década por valor de 50 millóns, a partir do ano 2009 a empresa comeza o seu declive económico, tendo que refinanciarse en 44 millóns de euros. Para os traballadores/as este feito “deixa patente a intención de beneficiarse de fondos públicos sen buscar un proxecto viábel no futuro”.
Agora a empresa pretende sanear as súas contas cargando os custes sobre o conxunto do persoal, pola vía dos despedimentos e as drásticas reducións dos salarios. Fronte a estas medidas agresivas, os traballadores/as das plantas das Pontes e Pontedeume continúan en folga indefinida e teñen iniciado un calendario de mobilizacións que continuará ao longo desta semana.