Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 14/6/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A presidenta do Comité, Dina Lema.

Traballadores/as de Sykes cortan o tráfico cunha sentada reivindicativa contra a nova vaga de despedimentos

O persoal está secundando dous paros de unha hora convocados nas quedas de mañá e tarde
Traballadoras e traballadores de Sykes Enterprises están secundando este luns os paros e concentracións convocados no centro de A Coruña para rexeitar os 62 despedimentos que a empresa comezou a facer efectivos esta mesma mañá. O persoal desenvolveu unha concentración e unha sentada reivindicativa nunha das rúas do Polígono de Agrela, provocando importantes retencións na circulación do tráfico. As mobilizacións volveranse repetir durante o paro da quenda de tarde, convocado entre as 17 e as 18 horas.

Numeroso persoal participou esta mañá no primeiro dos paros convocados polo Comité en contra do desmantelamento da plataforma en A Coruña e en apoio ás 62 compañeiras e compañeiros que este mesmo luns foron despedidos. Durante o paro, que se desenvolveu entre ás 12 e as 13 horas diante das instalacións de Sykes no Polígono de Agrela, os traballadores/as realizaron unha sentada nunha das rúas do polígono, cortando o tráfico e provocando importantes problemas na circulación.

A presidenta do Comité, Dina Lema, que se encargou de ler ao remate da protesta o nome de cada un dos 62 traballadores/as despedidos/as, adiantou que a multinacional do telemárketing ten intencións de continuar coa vaga de despedimentos até, cando menos, acadar o número de baixas previsto inicialmente no expediente de regulación de emprego. A través do ERE, Sykes pretendía desfacerse de 278 empregados/as, mais finalmente a autorización parcial do expediente rebaixou esta cifra até os 68 traballadores/as, aos que hai que engadirlle os/as 108 despedidos/as da campaña 1004 de Telefónica, a finais de marzo. En total, en menos de catro meses, Sykes xa se ten desfeito de máis 230 traballadores/as.

“Cada día isto é unha sorpresa. A empresa xa nos anunciou que co número de despedidos no ERE e os de hoxe  non lles chega”, denunciou Lema, ao tempo que adiantaba que os próximos afectados/as poderían ser os traballadores/as indefinidos das campañas de Vodafone, “que é basicamente o persoal que queda agora”.

Neste senso, apuntou que a “xente está nerviosa, porque mesmo aos traballadores/as de servizos de negocios de Telefónica, para os que supostamente hai traballo durante os próximos tres anos, teñen medo de que a empresa peche esta campaña ou que a desvíe para o centro de Ponferrada”. 

A respecto da xuntanza que o Comité solicitou coa Conselleira de Traballo, Dina Lema aclarou que, a pesar das informacións aparecidas nos medios, “de momento, aínda non temos ningunha noticia da Consellaría”.

Na quenda de tarde, o paro e as mobilizacións volverán repetirse, entre as 17 e as 18 horas.

cig.prensa@galizacig.com