Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 14/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Consellería de Educación impón a ampliación do xornada lectiva do profesorado

Nas gardas inclúese a custotida do alumnado desde a súa chegada no transporte escolar
O DOG do mércores 13 de xuño publica a ORDE do 4 de xuño de 2012 pola que se modifica o artigo 4 da Orde do 23 de xuño de 2011 que regula a xornada de traballo do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Con esta orde a Consellería desenvolve e aplica o Real decreto lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo no relativo á xornada lectiva do profesorado, impoñendo un mínimo de 20 horas lectivas para todo o profesorado que imparte ensinanzas distintas das de infantil e primaria e modificando as horas complementarias até completar as 23 de presenza fixa no centro.

O artigo 4 é o referido á “Xornada semanal do persoal funcionario e persoal laboral que imparte as ensinanzas de educación secundaria, ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas”. Modifícanse parcialmente a redacción dos puntos 1 e 2 e introdúcese un novo punto 3.

As modificacións introducidas son:

Punto 1: (que establece a xornada semanal, con 23 horas de horario fixo no centro educativo):

Redacción anterior: “Destas 23 horas, 18 terán carácter lectivo podendo chegar ata vinte se as necesidades do centro así o esixe en función do profesorado dispoñible.”

Nova redacción: “Destas 23 horas, 20 terán carácter lectivo e as tres restantes distribuiranse entre dúas gardas e unha hora de titoría de pais e alumnos.”

Punto 2 (que establece que nas gardas do profesorado se incluirán as gardas de recreo e as de transporte escolar):

Redacción anterior: “Nos centros que proceda, entre as 18 horas lectivas e as 23 de presenza fixa no centro incluiranse as gardas de recreo e para custodiar ao alumnado no período de tempo que transcorre desde a chegada do alumnado transportado (...)”Nova redacción: “Nos centros en que proceda, nas horas de garda incluiranse as gardas de recreo e para custodiar o alumnado no período de tempo que transcorre desde a chegada do alumnado transportado (...)”

Punto 3 (NOVO): “As reunións dos departamentos didácticos faranse como mínimo unha vez ao mes, logo da convocatoria da xefatura do departamento. As ditas reunións terán o mesmo carácter que as do claustro de profesores e computaranse dentro das sete horas complementarias

non fixas”.

A CIG-Ensino considera que “estamos ante unha imposición que vai supor un importante retroceso nas nosas condicións laborais e na calidade do ensino público”, pois a Consellería establece un mínimo de 20 horas lectivas a todo o profesorado, reduce as horas complementarias fixas, que pasan de 5 a 3, elimina unha hora de titoría das dúas actuais e obriga a computar as reunións dos departamentos didácticos por fora das 23 de horario fixo no centro. Ademais, advirte “a atención á diversidade do alumnado verase gravemente comprometida”.

 

Considera que “é inaceptable que, ademais, a Consellería mesmo vaia máis alá do que di o Real Decreto Lei ao establecer que as gardas non serán horario lectivo, pois é unha interpretación da Consellería, xa que non está recollido no RD”. Isto mesmo, explica, entra en contradición co criterio que para o profesorado de infantil e primaria establece sobre as gardas a Orde do 23 de xuño de 2011, que no seu artigo 3, punto 2, contempla que “Computarán como horario lectivos as gardas...”.

Redución de profesorado

Esta modificación da xornada lectiva imposta pola Consellería vai facer que se reduzan as plantillas dos centros, que aumente o número de profesores que se ven obrigados a impartir materias afíns, as supresións e os desprazados e desprazadas por falta de horario e provocará o despido de máis de 2000 profesores interinos.

A CIG-Ensino denuncia que recortes como este atacan gravemente ó ensino público e a súa calidade e esixe que o goberno galego non aplique ningunha das medidas contidas no RD Lei 14/2012.

cig.prensa@galizacig.com