Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 14/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Traballadoras/es de Linorsa e delegados/as da CIG protestan diante da empresa contra a persecución da dirección ás afiliadas/os

A concesionaria da limpeza dos colexios públicos de Vigo despediu unha delegada do comité e sancionou sen emprego e soldo outras dúas
Arredor dun cento de traballadoras/es e delegados/as sindicais da CIG concentráronse hoxe ás portas de Linorsa para denunciar os incumprimentos da empresa a persecución da dirección ás afiliadas/os da central. Dende o sindicato nacionalista lembran que a concesionaria dos colexios públicos de Vigo despediu unha delegada do comité e sancionou sen emprego e soldo a outras dúas.

A protesta desenvolveuse entre as 10.30 e as 12.00 horas ás portas da sede central de Linorsa, na estrada do Bao, en Coruxo, onde a CIG-Servizos despregou unha faixa esixindo a readmisión da traballadora despedida. Dende a central nacionalista explican que o motivo da protesta é dar unha resposta á persecución das afiliadas/os da CIG por parte da empresa de limpeza.

Neste senso, lembran que a dirección despediu a unha delegada do comité de empresa e sancionou sen emprego e soldo a outras dúas. “Unha delas con 60 e outra con 15 baixo a acusación e falta de limpeza no centro de traballo, cando non consta ningunha queixa dos directores/as dos centros”, explica a secretaria comarcal da federación de Servizos.

Transi Fernández asegura que esta actitude responde á intención da empresa de desfacerse das empregadas/as máis reivindicativas -o despedimento da integrante do comité produciuse por supostamente ter insultado a unha compañeira durante a folga convocada para reclamar a ampliación da xornada. A central nacionalista xa deu conta de todo o sucedido á Inspección de Traballo e nos vindeiros días remitiranlle un informe con todos os incumprimentos ao Concello de Vigo para que revise unha concesión que leva nove anos se saír a concurso.

Ao mesmo tempo, denuncia que esta actitude faise extensíbel a outras concesións municipais que ten a compañía, “onde se negan incluso a negociar os convenios e non manteñen unha relación de normalidade coa representación sindical”.

cig.prensa@galizacig.com