Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 14/7/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Fortes ameazas por parte da patronal durante a nova xornada de folga no sector do mármore e a pedra de Pontevedra

A CIG-Construción presentou denuncias ante a Inspección de Traballo polas presións e coaccións das empresas
Os traballadores e traballadoras de mármores e pedras da provincia de Pontevedra desenvolveron unha nova xornada de folga marcada polas coaccións e as ameazas que sufriron por parte das principais empresas do sector, agrupadas na Asociación de Galega de Graniteiros. Non obstante, os folguistas mantiveron os paros e desenvolveron unha manifestación polas rúas de O Porriño, concello onde están asentadas as principais industrias do sector.

Como estaba previsto, traballadores e traballadoras do mármores e pedras continuaron o calendario de folgas acordado, a pesar da actuación antisindical das empresas do sector, que ameazaron con despedimentos e coaccionaron ao persoal para evitar que secundasen o paro.

“As principais industrias tomaron medidas de presión moi foron nos últimos días coa intención de rebentar a folga, vulnerando deste xeito os dereitos de todos os traballadores e traballadoras”, sinalou o responsábel da CIG-Construción en Vigo, Alberto Fernández Campo.

De feito, explicou, por mor da actuación da patronal tiveron que presentar denuncias ante a Inspección de Traballo contra algunhas empresas que tentaron impedir o libre exercicio do dereito á folga.

Neste senso, Fernández Campo indicou que a Asociación Galega de Graniteiros (AGG) utilizou a súa sede como “base” para que os traballadores/as deixaran os seus vehículos particulares e dende alí foron trasladados ás empresas en autobuses fretados pola garda civil. Así mesmo, aos xerentes das fábricas chegaron a actuar como “contrapiquetes”.

Aínda así, o persoal continuou adiante coa folga e desenvolveu unha manifestación polas rúas de O Porriño, tal e como estaba previsto e mantén a convocatoria de folga para o vindeiro xoves, á espera do resultado da reunión que se vai desenvolver entre sindicatos e patronal mañá mércores 15.

Recoñecemento dos niveis de toxicidade

As principais reivindicacións dos traballadores do sector refírense á negativa da patronal a recoñecer os resultados dun informe sobre po e ruído elaborado polo ISSGA, impedindo deste xeito a elaboración dun estudo sobre as enfermidades profesionais e o recoñecemento dos postos tóxicos penosos e perigosos, segundo estabelece o convenio colectivo.

“O máis grave é que os empresarios se negan a recoñecer os niveis de toxicidade que se reflicten no informe elaborado polo ISSGA, e isto é moi mala sinal de cara a cumprir cos medidas de seguridade, garantir a saúde dos traballadores e recoñecer as enfermidades profesionais no sector”, sinala Fernández Campo.

Ademais, dende a Federación da Construción e Madeira da CIG denuncian que as empresas están incumprindo reiteradamente o convenio colectivo e procedendo a unha “masiva conxelación salarial” ao absorber as condicións máis beneficiosas.

Novas relacionadas

cig.prensa@galizacig.com