O falecemento de Santiago Amorín Da Costa, de 48 anos de idade e veciño da parroquia de Torneiros, produciuse pouco antes das 11 da mañá nas instalacións da compañía en Atios. A mala sorte quixo que o seu propio irmán o atropelase cunha carretilla elevadora ao dar marcha atrás cando os dous cargaban tubos de grandes dimensións nun camión. O seu corpo recibirá sepultura hoxe no cemiterio parroquial de Tomiño.
O suceso tivo lugar cando a localidade celebraba as súas festas patronais na honra de San Bieito, polo que ese día era festivo local. A empresa abriu as súas portas igualmente, e incluso continuou coa actividade pola tarde, horas despois do accidente laboral que lle custou a vida a un dos seus empregados.
Dende a CIG-Construción aseguran que non era a primeira vez que os traballadores acudían a traballar en día festivo e lembran nese sentido que “o tema das horas extras era unha vella loita”. Consideran especialmente grave que o accidente laboral se producise en día festivo, porque “esta persoa atopou a morte cando debería de estar na súa casa coa familia”.
Finalmente, denuncian as condicións laborais que padecen moitos traballadores/as do sector, que se agudizan como consecuencia da situación de crise económica.
Campaña de denuncia
A federación da Construción da CIG está a desenvolver nos últimos meses unha campaña para denunciar precisamente os abusos que as compañías do sector cometen cos traballadores, impoñendo unhas xornadas laborais abusivas e recortando, os salarios e incumprindo a normativa en materia de seguridade laboral.
No caso das obras do AVE de Vigo, un dos exemplos máis recentes, as adxudicatarias tiveron que contratar a máis de 90 traballadores unicamente despois de ter que regular a xornada tras as denuncias do sindicato. A CIG tamén realizou accións de protesta nas obras de ampliación dos aeroportos de Santiago e Vigo, así como na construción do auditorio municipal da cidade olívica.