Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 14/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Acórdanse mobilizacións para que non se ratifique o acordo pesqueiro que expulsa a flota cefalopodeira galega de Mauritania

O venres 17 de agosto haberá unha concentración diante a subdelegación do goberno de Pontevedra ás 11:00 horas
Varios centos de afectados, na súa maioría tripulantes, participaron este luns nunha xuntanza convocada pola CIG, en Marín, para avaliar as consecuencias do convenio asinado pola UE con Mauritania e acordar accións conxuntas para exixir a súa renegociación. O acordo, que vén de provocar a expulsión dos barcos cefalopodeiros galegos, abocaría, segundo denuncia Xabier Aboi, da FGAMT-CIG, á desaparición do sector.

Na xuntanza, os afectados acordaron dirixirse ás distintas administracións para demandar que se fagan todas as xestións necesarias para que o Parlamento Europeo non ratifique este convenio pesqueiro que discrimina á flota galega. Exixen que se renegocie e que, entre mentres, se habiliten axudas para poder sobrevivir durante este período de inactividade.

Aboi denuncia que, deste xeito, as institucións europeas esmagan a capacidade de Galiza para competir. Alerta de que, de non renegociarse, será a propia UE a que provocará o desmantelamento dun sector produtivo de vital importancia para a economía do país e de que terá consecuencias especialmente graves nas comarcas onde máis incidencia ten. De feito sinala que xa está habendo empresas que están dando de baixa á tripulación eventual.

Para o representante da FGAMT é insólito que non houbera ningunha xuntanza previa co sector e que a consellaría non tivese actuado exercendo o papel que lle corresponde, como parte do goberno galego, na súa defensa. Neste sentido, afirma que “o goberno galego nin se sabe onde está, nin se lle espera”.

Para os afectados é fundamental que desde as administracións se poñan en marcha medidas compensatorias, ao igual que se fixo con outras flotas noutros casos similares no estado español, para que poidan resistir mentres están parados.

 Por iso acordaron iniciar mobilizacións das que a primeira está convocada para o vindeiro venres, ás 11:00 horas, diante da subdelegación do goberno, en Pontevedra.

cig.prensa@galizacig.com