As traballadoras estiveron repartindo pasquíns informativos durante esta mañá, nos distintos centros nos que desenvolven os seus traballos, para visibilizar deste xeito o conflito laboral que padecen e comprobar o cumprimento efectivo do seu dereito á folga.
Os paros afectan ao servizo de limpeza do Xulgado de Paz, unha nave do concello, á oficina de Urbanismo, á oficina da Policía Local, á Casa da Cultura do Milladoiro e ao colexio de Ventín. Non obstante, quenda excluídos da folga o Colexio Bispo Guerra Campo, Agro do Muíño e Varouta, cuxo servizo de hixiene foi adxudicado recentemente a Servicios Auxiliares de Mantenimiento y Limpieza, S.L. (SAMYL).
A folga continuará novamente nos vindeiros días até que se faga efectivo o pagamento da tres mensualidades atrasadas, xa que, a pesar do anuncio do levantamento parcial do embargo de Facenda, a empresa continúa asegurando que o Concello aínda non lle abonou nin un só euro.
Protesta diante do Concello
Así, as traballadoras desenvolverán mañá, martes 13 de setembro, un acto de protesta diante do Concello de Ames, a partir das doce do mediodía cunha concentración, para que tanto o goberno local como a empresa asuman as súas responsabilidades pola situación na que se atopa o persoal de Limpezas Ames.
Reducción do horario de traballo
Por outra parte, dende a CIG-Servizos de Compostela, rexeitaron novamente a reducción de horas de traballo decretada por SAMYL, quen vén de rebaixar 20 horas as labores de limpeza destinadas ao colexio Bispo Guerra Campo, a pesar de terse incrementado o número de alumnos. "Así é como se lle paga ás traballadoras despois de ter que pasar tres meses sen cobrar, reducíndolle a súa xornada laboral", denunciou o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Alonso, quen anunciou que van seguir polo miúdo as accións da nova adxudicataria.