Os afectados/as permaneceron preto dunha hora detrás dunha faixa na que se podía ler “Non aos despidos en Islas Industries” e aproveitaron a mobilización para entregar un escrito na sede autonómica no que expoñen os motivos polos que rexeitan o ERE. O documento tamén foi trasladado posteriormente á Inspección de Traballo, cuxa responsábel se comprometeu a darlles unha resposta nos vindeiros días.
O secretario comarcal da CIG-Metal de Vigo e traballador de Islas Industries, Manolo Simón, denunciou que detrás dos despedimentos agóchase unha estratexia empresarial que persegue eliminar a maior parte dos cadros de persoal “para recorrer a man de obra barata doutros países cando se recupere a carga de traballo no sector naval”. Neste senso, lembrou que moitos dos afectados levan de 20 a 30 anos traballando para a compañía.
O representante sindical tamén quixo responder aos comentarios verquidos dende a patronal Asime en relación ao paro convocado no sector. Simón lembrou que as mobilizacións buscan forzar ao Goberno español e á Xunta de Galiza a atopar unha alternativa ao sistema de bonificación fiscal tax lease. “Se antes de que remate setembro non temos unha solución o sector verase gravemente afectado”, afirma.
Finalmente, reiterou que no caso de que se perdan definitivamente os arredor de 15.000 empregos do naval en Vigo a economía da comarca recibirá un golpe moi duro. “Por iso consideramos fundamental o paro e non descartamos convocar unha folga xeral na cidade”.