Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 14/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG reclámalle á Xunta que esixa o cumprimento do protocolo de actuación das aeronaves contraincendios

Denuncian que se está a poñer en risco a vida de traballadores/as e a supervivencia do monte galego
A CIG reclámalle á Xunta que esixa o cumprimento do protocolo das aeronaves contraincendios despois accidente ocorrido onte en Ourense cando tres brigadistas foron alcanzados pola carga de auga dun helicóptero. Para a central nacionalista o máis preocupante é que a propia administración, neste caso a Consellería do Medio Rural e do Mar, non establece os criterios de seguridade que lle esixe a lei, “polo que os traballadores/as do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) estanse a xogar as súas vidas día tras día”.

Dende a CIG lembran que hai agora dous anos un traballador do SPDCIF recibiu unha descarga de auga dunha aeronave a poucos metros do chan nun incendio forestal na comarca de Trives e dende a Consellería do Medio Rural non se tomaron medidas preventivas para que isto non volvese suceder.

“Agora atopámonos outra vez con un accidente similar, onde non se tomaron as medidas establecidas, a pesares de que existe un protocolo de actuación ante a intervención dunha aeronave nun incendio forestal”. Este protocolo establece que se deberá avisar o persoal de terra da presenza da aeronave.

Dende a central nacionalista pregúntanse que ten que pasar para que a propia Xunta de Galiza tome cartas no asunto. “Debe de producirse unha nova desgraza en forma de accidente mortal dun traballador/a para que Medio Rural e do Mar teña a ben esixir o cumprimento das medidas establecidas no protocolo de actuación das aeronaves?”

Neste senso, lembran que o Goberno galego é o máximo responsábel da implantación das medidas de seguridade para os seus traballadores e traballadoras, de acordo coas leis existentes, “polo que dende a CIG esixímoslle que deixe de mirar cara a outro lado e dunha vez por todas cumpra coa normativa en materia de seguridade no traballo para salvagardar as vidas dos seus empregados/as”. 

Finalmente, reclaman a apertura dunha investigación para clarexar o acontecido no accidente do xoves 13 de setembro, “cando tres traballadores do SPDCIF sufriron a descarga de auga dunha aeronave nunha das zonas perimetrais do incendio forestal onde non existía risco ningún para as vivendas nin tampouco para o monte dado a ausencia de lapas”.

cig.prensa@galizacig.com