“Son centos e miles os palestinos asasinados, os presos e torturados nas cadeas israelís, os mortos como consecuencia do bloqueo, os inspeccionados e humillados a diario.
En ningún caso a morte de civís está xustificada, nin a violación sistemática dos dereitos humanos, nin a ocupación militar dos territorios palestinos, nin a vulneración permanente das resolucións das Nacións Unidas”. Estas verbas forman parte do manifesto que se poderá escoitar na manifestación convocada contra os ataques israelís ao pobo palestino.
Baixo o lema "Galiza con Palestina, non ao masacre!" os galegos e galegas continuarán coas manifestacións que nas últimas semanas se veñen desenvolvendo a prol do pobo palestino e contra os ataques indiscriminados de Israel sobre a poboación de Gaza. Desta volta, a manifestación, convocada por máis de 60 organizacións e colectivos, terá un carácter unitario e nacional.
A mobilización partirá da Alameda de Compostela ás 12:00 horas e continuará até a Praza da Quintana, onde se procederá a lectura dun manifesto asinado por todas as organizacións convocantes.
A lectura do texto correrá da man de María Bouzas (Actriz e presidenta da Academia Galega do Audiovisual) e Laila Tillawi Quintela (cooperante de Galiza por Palestina).
Dado o gran número de organizacións e colectivos que apoian e convocan a manifestación, agárdase que asista un elevado número de persoas que trasladarán a súa solidariedade coa poboación palestina e reclamarán o recoñecemento dos dereitos nacionais do pobo palestino como única alternativa contra as agresións sionistas.