Traballadores e traballadoras de todos os centros de saúde estaban convocados por CIG-Saúde a concentrarse diante do seu centro de traballo para manifestar o seu rexeitamento á creación dunha central de chamadas xestionada por unha empresa privada. A Secretaria da Federación, María Xosé Abuín, denunciou que “o modelo escollido supón a privatización dun servizo público e a conseguinte precarización de postos de traballo”.
Entre as 12:00 e as 12:30 os servizos de cita previa telefónica e de mostrador, estiveron paralizados en case todos os centros de saúde de Galiza, aínda que se continuou atendendo a cita para urxencias.
O Plan de Mellora de Atención Primaria recolle o desenvolvemento dunha central de Chamadas que dea resposta ás solicitudes de cita telefónica para o persoal Médico e de Enfermería na Atención Primaria. Este servizo de citacións foi concedido a unha empresa privada mediante concurso, pero, segundo denuncian dende CIG-Saúde, para poder dar as citas a empresa privada fará uso dos datos dos pacientes que figuran na tarxeta sanitaria, en poder do SERGAS.
Xestión directa
En xuño do pasado ano, o Instituto Galego de Medicina Técnica convocou o concurso público para cubrir o servizo de cita previa no eido da Atención Primaria de Galiza. Naquel momento, explicou a secretaria da Federación, a CIG-Saúde remitiu un escrito aos responsábeis do SERGAS, “ao que non nos deron resposta”.
“Nese escrito amosábamos a nosa posición contraria á privatización deste servizo e solicitábamos que a central de chamadas fora xestionada directamente polo SERGAS con persoal seleccionado das listas de vinculación temporais”, explicaba Abuín.
A CIG-Saúde ten manifestado en reiteradas ocasión o rexeitamento do sistema de privatizacións ao que se está a someter SERGAS, e demandou a creación da central de chamadas para facilitar o acceso dos usuarios e usuarias, pero sempre que se faga con persoal integrado no SERGAS.