Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 15/10/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Serafín Otero -á dereita- durante a rolda de prensa.

: CIG : : emprego : : manifestación : : vigo :

Os sindicatos maioritarios convocan unha marcha conxunta en Vigo para esixir medidas en defensa do emprego na comarca

CIG, CCOO e UGT denuncian que hai 60.000 persoas sen emprego na bisbarra e que en tres anos destruíronse máis de 50.000 postos de traballo na provincia
Os secretarios comarcais da CIG, CCOO e UGT de Vigo compareceron hoxe en rolda de pensa para anunciar a convocatoria conxunta dunha gran manifestación en defensa do emprego que terá lugar o vindeiro domingo 6 de novembro a partir das 12.00 horas. Os representantes sindicais consideran que a perda de postos de traballo na comarca chegou a unha situación insostíbel e reclaman das administracións central e autonómica a posta en marcha de medidas que estimulen a creación de emprego.

Ao tempo que anunciaron a celebración da marcha, que sairá da Praza dos Cabalos para rematar na Porta do Sol, tamén fixeron público un manifesto conxunto no que se recollen as reflexións das tres centrais sobre o problema de desemprego que padece a comarca. Os representantes sindicais salientaron que a gravidade da situación “obríganos a aparcar as diferencias que poidan existir entre nós e a realizar unha serie de mobilizacións de xeito conxunto”. Neste senso, no documento faise fincapé en que o número de persoas desempregadas na comarca achégase xa ás 60.000, mentres que se recolle que nos últimos tres anos máis de 50.000 persoas perderon o seu posto de traballo na provincia de Pontevedra.

Fronte a isto, as organizacións sindicais reclámanlle ao Goberno central e á Xunta de Galiza que poña todos os seus recursos e todas as súas competencias en fomentar a creación de emprego. “É preciso un cambio radical nas políticas económicas e de emprego para colocar como obxectivo central o estímulo da actividade económica, do crecemento económico e, polo tanto, da creación de emprego”, indican.

Toque de atención

A este respecto, o secretario comarcal da CIG de Vigo advertiu que os datos do paro en Vigo amosan que a destrución de emprego e o deterioro das condicións laborais “estanse a estabilizar cando non a medrar”. Serafín Otero lembrou que a comarca viguesa atópase entre as máis castigadas do Estado español no que a perda de postos de traballo se refire. “Temos xa unhas 50.000 persoas en situación de pobreza, o que nos obriga a dar un paso cara a adiante e reforzar a unidade sindical”, comentou. O responsábel da CIG lamentou que a situación está a afectar por igual a sectores tan importantes para a economía da comarca como o naval, a automoción ou a construción, “aínda que tamén en servizos e no futuro a sectores aministrativos”.

Otero criticou o feito de que a reforma laboral do PSOE non servise para paliar o problema e ofreceu un dato para argumentar a afirmación: o 93% do emprego creado ao abeiro da norma foi temporal. “O único que fixeron foi recortar os servizos públicos e eliminar as prestacións sociais”, denunciou. Na súa opinión, é momento de dar unha resposta contundente a esta problemática e aproveitou a ocasión para facer un chamamento a todos os traballadores e traballadoras viguesas para que defendan os seus dereitos participando tanto na manifestación do día 6 como nas vindeiras mobilizacións que os tres sindicatos convocarán no futuro. “Ten que ser un importante toque de atención para os gobernos central e autonómico”, rematou.

Documentos
Consulta o manifesto conxunto das tres organizacións sindicais
Cartaz da mobilización
cig.prensa@galizacig.com