Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 15/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta chama as empregadas/os públicas/os a votar o 21-O

Denuncian a política de recortes do goberno do PP e os ataques do Presidente da Xunta e de varios dos seus conselleiros contra o persoal dos servizos públicos
A Xunta de Persoal, órgano de represesentación do persoal funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza fai un chamamento ás empregadas e empregados públicos a participar nas eleccións ao Parlamento de Galiza, convocadas para o vindeiro 21 de outubro, para exixir “cos nosos votos” que se garantan uns Servizos Públicos e de Calidade. Denuncian as políticas do PP, baseadas en recortes á clase traballadora, co único fin de compensar desmandados financeiros e piden que se vote “en consecuencia”.

Xustifican a súa demanda en que o goberno da actual Xunta de Galiza, desde que chegou ao poder en 2009, implantou unha política de acoso e derribo ao colectivo de empregados e empregadas públicas e contra os servizos públicos en xeral. A este respecto, salientan o desprezo do actual Presidente da Xunta e de varios conselleiros ao seu labor, como unha constante das súas actuacións “ben en forma de declaracións públicas falsas e argumentacións falaces ou ben impulsando cambios normativos dirixidos a recortar e limar os dereitos adquiridos polos empregados e empregadas públicas”.

Lembran que en febreiro deste ano, o goberno do PP aprobou unha Lei de Medidas de Aforro que provocou un recorte brutal dos seus dereitos e que implantou, coa máxima celeridade todas e cada unha das medidas postas en práctica desde o goberno central, e “nunca procurou unha saída favorábel ou compensatoria para paliar calquera delas”.

Cuestionan as chamadas ao aforro e á austeridade, en base á que se aplican estes recortes. Chamadas que “non se corresponden cos indultos millonarios a cargos do actual goberno sancionados por Medio Ambiente, subvencións á prensa que non se recortan, campañas de publicidade institucional, contratación de asistencias técnicas, encomendas de xestión de expedientes administrativos para empresas privadas, xestión privada dos Servizos Sociais e negativa a instalar o software libre”.

Subliñan que, nestes tres anos e medio co actual goberno, se acelerou o proceso de desmantelamento dos Servizos Públicos, con amortizacións de prazas, ausencia de cobertura das baixas, taxas de reposición cero e unha ameaza clara e brutal de despedimentos xerais na Xunta de Galiza.

Lembran ademais que entre suspensión de paga extra, conxelacións e reducións, o salario público dos empregados e empregadas públicas da Xunta de Galiza minguou máis dun 20% con respecto ao IPC, desde o ano 2009.

Por iso chaman á participación no proceso electoral e a que se exerza o voto desde a responsabilidade, tendo en conta todas estas medidas. Do mesmo xeito, exixen ao resto de forzas políticas un compromiso claro e manifesto para que revertan esta situación e que se comprometan “a devolvernos todos os dereitos perdidos ao conxunto de empregadas e empregados públicos”.

cig.prensa@galizacig.com