Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 15/11/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Xulgan a un afiliado da CIG e a 8 persoas máis pola súa participación na folga do transporte na provincia de Pontevedra en 2008

O fiscal solicita tres anos de prisión e sancións económicas por un suposto delito de danos e outro contra os dereitos dos traballadores/as
Este mércores 17 de novembro a partir das 10.00 horas comeza en Vigo o xuízo contra un afiliado da CIG e oito persoas máis acusadas dun presunto delito de danos e outro contra os dereitos dos traballadores/as durante a súa participación na folga do transporte de mercadorías por estrada de Pontevedra en 2008. A petición fiscal eleva a tres anos a pena de cadea e propón unha sanción económica de 10 meses a razón de seis euros diarios e outra de 12 meses coa mesma cantidade. Dende a federación de Transportes da CIG consideran que se trata de un novo intento de amedrentar a clase traballadora máis reivindicativa.
A marcha partiu despois cortar o acceso aos camións en Guixar.

Os feitos polos que se vai xulgar a Serafín Rodríguez Martínez e outros oito compañeiros terían sucedido, segundo o escrito de acusación, na xornada do 21 de abril de 2008. Nesa data, el e outro dos acusados atopábanse concentrados xunto a outras 70 persoas na entrada da Zona Franca de Vigo. O fiscal sostén que unha vez que aparece no lugar unha caravana formada por sete camións “les impidieron el paso lanzándoles objetos y piedras” que supostamente terían impactado en varios deles. Por este presunto delito de danos reclámalles unha multa de 10 meses a razón de seis euros diarios, mentres que polo delito contra os dereitos dos traballadores solicita unha pena de tres anos de prisión e unha sanción económica de 12 meses a seis euros diarios. Ao mesmo tempo, pídelles unha indemnización para os camioneiros afectados que fixa en 1.028, 29 e 595,91 euros, cantidades que ao parecer corresponden aos danos ocasionados nos vehículos.

Os seis acusados restantes enfróntanse unicamente á petición de prisión e multa de 12 meses, xa que só se lles considera responsábeis do delito contra os dereitos dos traballadores/as. Segundo a acusación, estas persoas teríanse concentrado na estrada que une o porto de Bouzas coa empresa Citroën “portando piedras y botes de humo con el fin de impedir el paso a los transportistas que no secundaban dicha huelga”.

Dende a FGAMT da CIG consideran que este tipo de xuízos son unha mostra máis dos numerosos intentos por “amedrentar” a clase traballadora galega, que en numerosas ocasións ten demostrado a súa capacidade mobilizadora e combativa. Deste xeito, amosan a súa solidariedade cos compañeiros que durante tres días van comparecer diante do Xulgado de Instrución número 1 de Vigo.

As tres xornadas de folga no sector do transporte de mercadorías por estrada da provincia de Pontevedra, que tiña por obxecto reclamar a negociación dun convenio colectivo digno caracterizáronse por unha forte presenza policial e o intento dos axentes por entorpecer a labor dos piquetes informativos. Durante as mobilizacións vivíronse momentos de tensión a causa do intenso control e a presión que a policía exerceu sobre os traballadores/as.

cig.prensa@galizacig.com