Na mañá deste martes 15 de decembro, profesionais da sanidade de todo o País desenvolvían unha nova concentración na defensa dos acordos e contra a decisión do goberno da Xunta de suspender a aplicación dos mesmos. Coa protesta, a última dentro do calendario de mobilizacións da plataforma sindical unitaria, os traballadores/as queren lembrar que a decisión da Administración supón suprimir os acordos retributivos asinados e publicados no DOG, suspender o Plan de Mellora da Atención Primaria e suprimir os acordos de PAC, o que suporá unha redución na calidade asistencial e prolongar as carencias materiais e humanas arrastradas polo sistema público de Saúde.
As concentracións preceden á xornada de folga convocada pola CIG-Saúde e SAE este mércores 16 de decembro en todo o País, na demanda do cumprimento íntegro dos acordos e contra a campaña de desprestixio que dende a administración se está levando a cabo contra a sanidade pública e os seus traballadores/as.