Esta campaña terá como parte central de mobilización, a convocatoria dunha manifestación comarcal ás 20 da tarde o vindeiro 10 de marzo, Dia da Clase Obreira Galega, que terá lugar de xeito simultáneo no resto das comarcas do noso país.
Ademais realizarase unha ampla campaña de divulgación con asembleas nos centros de traballo, megafonía, pegada de carteis e reparto de follas informativas, xa que pretende "ser unha primeira resposta e contundente a estas novas propostas gobernamentais. Non imos permitir máis recortes de dereitos laborais e sociais para a clase traballadora", subliñan desde a central sindical nacionalista.
A CIG quere denunciar ademais que desde o goberno, lonxe de adoptar medidas dirixidas a combater aquelas políticas que nos levaron á crise económica, estase a recorrer a reformar a Seguridade Social e o mercado laboral en sentido negativo para os intereses dos traballadores, mentres se elude adoptar medidas fronte aos culpábeis da crise que son o capital financeiro e a economía especulativa.
No canto diso, a CIG entende que o goberno tiña que introducir medidas como o control dos movementos especulativos de capital, promover a desaparición dos paraísos fiscais, encetar unha reforma do sistema fiscal para garantir a súa progresividade, incrementar os impostos sobre o capital e sobre as rendas máis altas e favorecer unha política de crecemento dos salarios. Fronte a isto, a CIG denuncia que se está a trasladar á sociedade a mensaxe de que aquí o problema onde está é no mercado laboral que tería unhas condicións inmellorábeis e unhas supostas rixideces que o fan pouco competitivo.
Tamén denunciarase nesta campaña o acordo interconfederal para a negociación colectiva para os próximos tres anos, asinado por CCOO, UGT e a CEOE, por entender que unha vez máis o que se fai é promover unha política de perda do poder adquisitivo dos salarios en favor dos intereses e do incremento dos beneficios por parte da patronal, sen garantía algunha de que ese sacrificio que van facer traballadores e traballadoras redunde en mellorar nin a calidade nin o número de empregos.