Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 15/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Laura Pérez Figueroa, presidenta do Comité de Empresa de Bosch e delegada sindical da CIG.

A folga en Bosch contra a deslocalización e a redución de xornada inxustificada conta cun amplo seguimento

Anuncian que haberá máis mobilizacións na defensa dos postos de traballo
O luns 15 de febreiro estaba convocada unha xornada de folga na empresa de telemárketing de Bosch, diante da posíbel perda de 891 postos de traballo pola ameaza da deslocalización do traballo dependente de Vodafone, que levaría todos os seus servizos a América Latina. A AEPD (Axencia Estatal de Protección de Datos) dependente do Ministerio de Xustiza, dirixido por Francisco Camaño, autorizou a Vodafone a transferencia de datos a Perú, Colombia e Chile. Denuncian a pasividade da empresa diante desta situación, asi como os despedimentos que xa comezaron e a salientábel redución de xornada, que xa afecta a 90 persoas que só están a traballar catro horas diarias.

Ás 12.15 da mañá e durante máis dunha hora ao redor de 150 traballadoras e traballadores da empresa de telemárketing de Bosch concentrábanse diante das oficinas que ten esta firma na rúa María Berdiales.

Concentración e piquetes

Moito ruído, chifres e berros contra a deslocalización foron a nota dominante nesta mobilización en Maria Berdiales, que despois se trasladou tamén ás portas dos outros centros de traballo de Bosch na Avenida de Madrid, onde se realizaron piquetes informativos, tanto na quenda de mañá como na de tarde.

891 persoas dependen de Vodafone

"A situación que temos actualmente é que en Bosch dependemos de Vodafone 891 persoas, e están tanto botando persoal á rúa, xa van 52 persoas despedidas, asi como están reducindo a xornada inxustificadamente ás traballadoras e traballadores, con 90 persoas afectadas que só están a traballar catro horas diarias", informaba a presidenta do Comité de Empresa de Bosch, delegada da CIG, Laura Pérez Figueroa.

Laura Pérez relatou tamén que "a resposta da empresa é que non saben o que vai pasar con Vodafone e parece que nin lles interesa. O Goberno xa aceptou a transferencia de datos para América Latina, sen permiso das e dos usuarios, e nós quedaremos sen traballo grazas ao goberno español e a estas empresas que non se preocupan nin de nós nin dos postos de traballo que xera".

"Nós xa pensamos que os nosos salarios son baixos, que xa estamos explotados, e temos moita precariedade neste sector, e queren obter maior beneficio explotando en Latinoamérica", engade.

Ameaza certa da deslocalización

Transacción, atención e recepción de chamadas, gravación de datos, soporte técnico, provisión de altas e novos servizos e televenda, é dicir, todos os servizos que se ofrecen para Vodafone nesta empresa de telemárketing en Vigo pasarían a deslocalizarse e realizarse desde Perú,Colombia e Chile.

Denuncian que aproveitaron unha reunión do Comité o venres 12 de febreiro para despedir a 30 persoas da campaña Orange empresas.

Seguimento da folga

O seguimento da folga foi cifrado nun 80%, e a valoración que realizaron foi de "moi positivo", e subliñou a presidenta do Comité de empresa que foi unha folga "que pediron as traballadoras e traballadores e que nós apoiamos con todas as da lei".

Anuncian que "se non se soluciona, continuaremos adiante coas folgas", e informaron de que hai convocada unha xuntanza coa Consellaria de Traballo para o mércores 17 de febreiro ás 11 da mañá, para reclamar a súa mediación na defensa destes postos de traballo.

 

cig.prensa@galizacig.com