Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 15/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A sección sindical da CRTVG amosa a súa preocupación polas ameazas da subdirectora de contido na redacción da Radio Galega

Exixe ao Director Xeral e á Xerencia que se normalice e reconduza a actuación do equipo directivo da Radio
A Coordinadora da sección sindical da CIG denuncia as ameazas da subdirectora de Contido da Radio Galega, Rosa Sierra, ás/aos locutoras/es e redactoras/es de informativos, a manipulación informativa decretada desde a dirección para a información en xeral, e no que respecta ás mobilizacións que se convocaron contra o Decreto de Plurilingüismo en particular, e demanda a posta en marcha dos Consellos de Redacción para tratar de frear esta situación.

Reproducimos a nota emitida pola Coordinadora da sección sindical da CIG, polo seu interese:

O COORDINADORA da CIG viña prestando especial atención á situación creada nos departamentos de Informativos e Programas  durante as últimas semanas, sobre todo a raíz das mobilizacións contra o Decreto do Plurilingüismo.

Tras debater sobre os feitos relatados por algúns dos seus membros e corroborados por diferentes testemuñas de traballadores, acordou propor ó Comité de Empresa a aprobación dun escrito denunciando a situación. Pero por diferentes causas alleas á vontade desta Coordinadora, o Comité non se reuniu este pasado xoves como adoita facer e como estaba convocado.

Daquela a CIG considera que non se pode agardar máis para reaccionar ante uns feitos que consideramos graves e que expomos de contado.

Na xuntanza de hoxe a CIG  ACORDOU:

Lamentar e condenar as ameazas que a Subdirectora de Contido, Rosa Sierra, lanzou a toda a redacción, de viva voz , nun intento de meterlle medo ós traballadores que  “ousen” falar de vetos ós redactores.

As súas palabras, dirixidas á toda redacción , ... “a partir de ahora voy a vetar de verdad” , nun ton exaltado e ameazador,  non se poden consentir  nunha empresa cunhas relacións laborais ordenadas e  razoables.   Por se non abondase , ó dia seguinte chegou a repetir a advertencia : …”Hasta ahora fuí una señora. A partir de ahora se van a cagar”  frase pronunciada nunha conversa cun traballador pero en ton  moi alto e perfectamente audible en boa parte da redacción,  con clara intención de que todos a escoitasen.

Os feitos descualifícanse de seu e non pasarían de ser unha  lamentable  “saída do testo”  se non fose porque representan  un intento de asustar ós traballadores  ós que se  considera co-partícipes do “pecado” de preguntar polos motivos dunha decisión da Dirección. Estas ameazas son, ademais, un ataque á independencia profesional dos xornalistas, incompatible coa propia existencia dun medio público como  a Radio Galega.

Este  episodio complétanse co tratamento informativo que tivo todo o referido ó polémico Decreto, tratamento no que a RG amosou, unha vez máis, que está só para servir ós intereses da Xunta.

Poderase negar esta afirmación, pero a realidade é teimuda en demostralo.  Dende entrevistas a eito a prol do decreto, con preguntas do entrevistador cargadas de opinión, ata intentos de impoñer convidados en determinados programas, pasando por ordes para abrir as información con determinadas frases, compuxeron un panorama  de manipulación informativa só superado coa propia noticia do día da manifestación contra o Decreto. Chegouse a facer  “contra-información preventiva”: na véspera da protesta, o Redactor Xefe xa tiña escrito un texto con cortes de voz de persoas opostas á xornada de folga no ensino. Se os convocantes non tiveron voz para falar da incidencia do paro, si falaron un representante dunha  ANPA e o  secretario dun CEIP que, a título particular , amosaron a súa oposición á folga.

E nestes días as medidas de control  sobre o que escribe o persoal, subiron un grao : ós traballadores de programas e ás delegacións, obrígaselles a escribir no sistema  aberto, algo que se levaba pedindo dende hai tempo por necesidades operativas. Pero adoptar agora esa decisión parece obedecer a un intento dos xefes por aumentar o control  preventivo da  censura, máis que por solucionar os problemas que había de acceso á información.

Resulta particularmente rechamante que estas actuacións  partan da Directora de Contido e do Redactor Xefe, dúas persoas que ata hai pouco tempo tiñan responsabilidades ó máis alto nivel na  representación dos traballadores : presidenta do Comité de Empresa e Delegado Sindical, respectivamente.  

A Coordinadora da CIG considera que sería fundamental, para tratar de atallar esta desfeita na política informativa da RG, botar a andar, dunha vez por todas, os Consellos de Redacción, cuxa constitución está dende sempre recollida nos distintos Convenios Colectivos da CRTVG. E nese senso lembrámoslle ó Director  Xeral que moitos dos membros do seu actual equipo directivo na TVG foron arduos defensores, radicais reclamantes, da creación deses Consellos. Nas súas mans está,  agora, facelo. Nese labor pode contar con este sindicato.

Acórdase dar publicidade a este escrito e remitirlle  copias  ó Director Xeral e á  Directora Xerente da Radio Galega, como responsables últimos de todo o aquí  recollido, facéndolles  a petición de que reclamen dos seus mandos intermedios un pouco de sosego e sentidiño, un chisco máis de profesionalidade e o respecto á liberdade no exercicio xornalístico dos seus locutores e redactores. Seguiremos tentando que o Comité de Empresa se pronuncie sobre a situación.

San Marcos, a 8 de Febreiro de 2010.  

cig.prensa@galizacig.com